1.9.13

os días máis felices


Roger Mayne.


¿es difícil ser tú? ¿es lindo ser tú? ¿cómo se siente ser tú?


Leo Los días más felices de Rodrigo Hasbún.
Tamén neste verán, Fotos tuyas cuando empiezas a envejecer de Maximiliano Barrientos.
E hai xa case un ano, Aquí todo es mejor de Justin Taylor.

Prepárome para os vinte. Para a crise dos vinte ou para o meu corpo ós vinte. As ganas de non ser eu que terá o meu corpo ós vinte. Ou as que xa ten. É difícil delimitar os anos da crise. Di Hasbún que todos nos imos ensuciando un pouco. Di Hasbún que estes son días felices, que despois remata a guerra.
Falo destes libros porque me gustaron. Non vou dicir que sexan transcendentes, mentiría. Direi que son necesarios. Direi que son inevitables. Direi que hai nestes libros nenos medrados. Nenos que pasan dos vinte. Direi que hai intentos de enfant terrible e moito aburrimento e moitas ganas de vivir. E moitas casualidades, ou non. Direi que me gusta a idea de ser nenos ós vinte anos. Que me fascina o que queda de neno nun corpo ós vinte anos. Que non deixa de ser coma unha droga. Ou unha bala.

Hai un par de días falaba con O a ourelas do río. Confesáballe a O que espero a que todo se solucione. Que transito. Transito? Supoño que si, que as personaxes transitan. Como na película de Téchiné na que a actriz (penso que era Juliette Binoche) non é quen de comprender o papel de Xulieta e pregunta: por que se aman?

Prepárome para a incertidume dos vinte, que non é distinta desta. Seméntoa. Leo sobre ese corpo antes de coñecelo. Procuro o meu lugar nesa incomodidade.


Mentres, sei que todo permanecerá practicamente igual.

30.8.13

as formigas


Charlotte Caron.

Miña irmá e miña prima saen da piscina
e sentan nunha toalla ó meu carón.
Levan postos biquinis cor pastel.

As formigas sóbenlles polas pernas ata o ventre.
Os seus peitos pequeniños coma flores sen aroma
por debaixo do tecido mollado.
Falan.
Deciden que a máis guapa será a que máis formigas
teña sobre a pel.

Miña prima é loura e espigada,
os seus peitos apuntando aínda as augas frías da piscina.
Miña irmá é quen de ver o campo baleiro
e intuír o peso do seu froito.
Non é culpa súa.

Diante de nós a casa proxecta a súa sombra.

As formigas mórdenlle a carne pero elas seguen caladas.
Miña irmá mata unha formiga sobre a coxa dereita.
Sabe que outras virán buscar o seu cadáver.

Faise tarde
e ninguén gaña.

Dentro, meus pais toman café.

24.8.13

la nuit remue: apuntamentos.



e erguerse canso.

estaba a posibilidade de seguir lendo ou camiñar cara o centro do disturbio ata anegársenos os ollos de luz, ata que non sentísemos nada. 
estaba a desposesión. 

os homes construíron a alameda para albergarnos. todo tipo de pasos.

bailabamos e eramos salvaxes. quero dicir que o espazo era reducido. digo que as dimensións deformáronnos. 
sentiámonos salvaxes. case nin nos medraron os dentes. a pureza do líquido e a súa transparencia.

Freddy Mercury non é un home. Freddy Mercury é un bigote.

antes sentar na rúa.

"non é fea, é normal. normal para quen lle pareza normal". e dixemos a beleza. nomeámola normalidade, vicio, hábito. imperfección.

e o azul. o primeiro azul. imposible fotografiar o azul. o que nos fai durmir. o reclamo das bestas.

despois seguir camiñando ata onde o corpo se acaba.

casa.

21.8.13

miña nai era a movida



Mi madre no es mi madre. Mi madre era la música.
Julián Herbert.

Ós quince anos miña nai cortou o pelo coma un home. Vestíase con camisas grandes e vaqueiros axustados. Non fumaba. Non bebía. Miña avoa detestou ese corte de pelo.
Na cómoda de miña avoa hai unha soa foto de miña nai. Leva o pelo curto e un enorme xersei rosa.

Ós dezasete anos miña nai conduciu un coche sen ter o carnet. Din que corría, eu non o sei, cóntao meu pai. É probable que meu pai o invente todo. El ía na parte de atrás dese coche. Ese coche era del. Tivémolo ata que eu cumprín catorce anos. No inverno entraba a auga dentro. Había moitas cintas de Mecano e dunha señora que cantaba rancheras coa voz rasgada.
Tamén nese verán dos dezasete, miña nai traballou no roupeiro dunha discoteca. Poida que fose só unha noite ou o verán enteiro. Nunca mo dixo. Hai unha foto. Ela de negro cos beizos pintados de vermello. O flash faina parecer branquísima.
Nunca volvería ser máis nova. Ou si.

Ós dezanove anos miña nai estaba embarazada e era feliz. Estaba casada e era feliz. Ese fin de ano foron á casa dun dos tíos de meu pai para celebralo. Miña nai xura que non bebeu champán. Levaba unha camisa de cadros.

Nacín o día que atoparon o cadáver de Kurt Cobain.

Ós vinte, hai unha foto na que me abraza e sorrí. Leva un xersei branco de home.

Ós trinta e nove anos miña nai ten caducado o carnet, pero sabe conducir. Canta cancións da movida. 
É idéntica á rapaza das fotos. Sorrín igual.

13.8.13

no fondo quería escribir sobre min


Sylvie Coupé Thouron.


No fondo quería escribir sobre min. Sobre todo o que non contei porque non quixen ou non puiden ou non existiu ese momento. Como se os momentos debesen existir. Como se existisen.

Ultimamente penso moito nunha escena de Les chansons d’amour. Chiara Mastroianni e Louis Garrel discuten. Poida que el a insulte, ou iso vén despois, non sei. Entón ela dille que só trata de comprender como era a vida de súa irmá antes de morrer. E calan. Ou iso creo. Eu quero escribir sobre iso, sobre como foi a miña vida antes de morrer. Convertelo en algo importante.

Quero escribir sobre este momento. Ver fóra de min os meus ósos. Tocalos. Ver os meus ósos en branco. Quero escribir sobre os meus ósos. Tratar de comprender cal é o peso que soportan. Por que?

1.8.13

última tarde de xullo



(para, con, de) Theresa P. Lousame

A obsesión era o resultado aproximado de contarche os capítulos da miña vida un tras outro, sen parar. Como as múltiples posibilidades dun diagnóstico equivocado. E eu sempre enfermo. Explicarche a miña capacidade para lembrar rostros, nomes, datas, conversas. Facer diso un tipo de memoria que me doia. Constrúo xente na cabeza ata que saen de min e me estoura o corpo. Entón os restos do meu diafragma aquí. Velos? No chan, a carón do río e dos insectos.

*

Descender co coche en punto morto ata algún lugar aínda impreciso da costa. Sabes que me deixo levar? Que deixo que veñan? Tampouco isto é de todo preciso, sen chegar a ser unha mentira. É difícil de explicar. Como se preparase o golpe. Gústame romper, entendes? Gústame romper. Canto menos coñezo a persoa que me rompa, mellor. Así que mentres mastigabamos patacas eu inventaba unha ruta rápida da súa casa á miña. Sen cruzarnos nunca.
Eu sabíao todo.

*

Despois camiñamos sen chegar demasiado lonxe. Falamos moito. Había un can. A ti gústanche os cans. Eu compadézome dos insectos. Parézome moito máis a un insecto.

*

Bebemos só auga. Como se fose algo sagrado. O alcol. Como se fose sagrado o alcol.

*

Realmente chameite para falar dunha ferida que non existe. É todo un engano. Como se despois de comer deixásemos o coche en punto morto e nos estrelásemos ou caésemos ó mar.  Algo que só sei contar como se nunca fose pasar. Querendo que me pase.

27.7.13

adeus

para Rodrigo, en memoria.

Detede todos os reloxos, cortade o teléfono,
facede calar o can cun bo óso,
silenciade os pianos e con tambor amortecido
sacade o féretro, que veñan os doentes.

Que dean voltas en círculos os avións inconsolables
debuxando no ceo a nova da súa morte,
poñede crespóns nos pescozos brancos das pombas,
e que os gardas de tráfico vistan guantes de algodón negro.

El era o meu Norte, o meu Sur, o meu Este e Oeste,
o meu día laborable e o domingo de descanso,
o mediodía, a medianoite, a miña charla, a miña canción;
pensaba que o amor duraría para sempre: equivócabame.

Non queremos estrelas: apagádeas;
recollede a lúa e desmentelade o sol;
baleirade os océanos e talade o bosque;
pois xa nada volverá saír ben.

W.H. Auden


claro que Auden tamén se equivoca, o amor durará para sempre, todo sairá ben... 
estás aquí.