1.9.13

os días máis felices


Roger Mayne.


¿es difícil ser tú? ¿es lindo ser tú? ¿cómo se siente ser tú?


Leo Los días más felices de Rodrigo Hasbún.
Tamén neste verán, Fotos tuyas cuando empiezas a envejecer de Maximiliano Barrientos.
E hai xa case un ano, Aquí todo es mejor de Justin Taylor.

Prepárome para os vinte. Para a crise dos vinte ou para o meu corpo ós vinte. As ganas de non ser eu que terá o meu corpo ós vinte. Ou as que xa ten. É difícil delimitar os anos da crise. Di Hasbún que todos nos imos ensuciando un pouco. Di Hasbún que estes son días felices, que despois remata a guerra.
Falo destes libros porque me gustaron. Non vou dicir que sexan transcendentes, mentiría. Direi que son necesarios. Direi que son inevitables. Direi que hai nestes libros nenos medrados. Nenos que pasan dos vinte. Direi que hai intentos de enfant terrible e moito aburrimento e moitas ganas de vivir. E moitas casualidades, ou non. Direi que me gusta a idea de ser nenos ós vinte anos. Que me fascina o que queda de neno nun corpo ós vinte anos. Que non deixa de ser coma unha droga. Ou unha bala.

Hai un par de días falaba con O a ourelas do río. Confesáballe a O que espero a que todo se solucione. Que transito. Transito? Supoño que si, que as personaxes transitan. Como na película de Téchiné na que a actriz (penso que era Juliette Binoche) non é quen de comprender o papel de Xulieta e pregunta: por que se aman?

Prepárome para a incertidume dos vinte, que non é distinta desta. Seméntoa. Leo sobre ese corpo antes de coñecelo. Procuro o meu lugar nesa incomodidade.


Mentres, sei que todo permanecerá practicamente igual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario