- sabes
ultimamente só penso nunha cousa
- dime
- que
se non cumpro os meus soños
marcharei a nevada ou a dakota
ou a un estado calquera
dos estados unidos de américa
onde neve moito
mesmo alaska serviría
e abrirei unha cafetería
onde pasar frío
e ler
e ler
e ler
e polas mañás
cantar
xusto antes de abrir
cando aínda sexa noite
e o local estea baleiro
e as cadeiras repousen sobre as mesas
porque haberá pouco sol
e terei un can
ben
máis de un
polo menos tres
porque terán que ir morrendo
aínda que non teñan nome
e colocarei pedras enormes no xardín
para recordalos sempre
e que se me derrame o café entre os dedos
se me tremen as mans
(…)
sabes
ás veces penso
que só é que hai moito tempo que non escribo
outras
dígome que é real
todo depende do día
porque haberá pouco sol
e pasarei as páxinas con dificultade
cos guantes aínda postos
mentres acariño no peto
o botón aquel que me caera do abrigo
a noite que decidimos marchar lonxe
algún día
- chegouche o de “serás feliz”?
é que se me foi a conexión
- non
non chegou