Amosando publicacións coa etiqueta interferencias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta interferencias. Amosar todas as publicacións

1.8.13

última tarde de xullo



(para, con, de) Theresa P. Lousame

A obsesión era o resultado aproximado de contarche os capítulos da miña vida un tras outro, sen parar. Como as múltiples posibilidades dun diagnóstico equivocado. E eu sempre enfermo. Explicarche a miña capacidade para lembrar rostros, nomes, datas, conversas. Facer diso un tipo de memoria que me doia. Constrúo xente na cabeza ata que saen de min e me estoura o corpo. Entón os restos do meu diafragma aquí. Velos? No chan, a carón do río e dos insectos.

*

Descender co coche en punto morto ata algún lugar aínda impreciso da costa. Sabes que me deixo levar? Que deixo que veñan? Tampouco isto é de todo preciso, sen chegar a ser unha mentira. É difícil de explicar. Como se preparase o golpe. Gústame romper, entendes? Gústame romper. Canto menos coñezo a persoa que me rompa, mellor. Así que mentres mastigabamos patacas eu inventaba unha ruta rápida da súa casa á miña. Sen cruzarnos nunca.
Eu sabíao todo.

*

Despois camiñamos sen chegar demasiado lonxe. Falamos moito. Había un can. A ti gústanche os cans. Eu compadézome dos insectos. Parézome moito máis a un insecto.

*

Bebemos só auga. Como se fose algo sagrado. O alcol. Como se fose sagrado o alcol.

*

Realmente chameite para falar dunha ferida que non existe. É todo un engano. Como se despois de comer deixásemos o coche en punto morto e nos estrelásemos ou caésemos ó mar.  Algo que só sei contar como se nunca fose pasar. Querendo que me pase.

18.5.13

hábitat/interferencias

case dous anos despois de ser escrito, un ano despois de ser premiado e tras varios meses de pasar traballos, de chamadas telefónicas e cafés que sabían amargo, velaquí o está: "Hábitat/Interferencias" (Premio Francisco Añón de Poesía 2012).


libriño minúsculo de poemas raquíticos, casa de versos do infante, estructura fráxil de po.

tras ser presentado por fin onte na Casa da cultura de Outes, concello que se encargou da súa edición e que organiza dende hai xa dezasete anos o certame que leva o nome do poeta Añón, é para min unha honra enorme presentárvolo aquí a todos vós.

o bonito do libro é ademais que se repartirá de balde nas vindeiras presentacións (Noia, Santiago de Compostela, A Coruña...), das que xa irei dando datas e lugares.

e xa só me queda agradecer: a María do Cebreiro polo prólogo lindísimo, a Santi pola labor de edición e ós que leron estes poemas moito antes e alimentaron os meus versos coas súas impresións. a Carlos (sempre), a David, a Olalla, a Olalla, (ás Olallas), a Ana, a Alba (que aínda non estaba, pero que chegou para quedar), ós meus Ghicholas, a Teresa e a un longo etcétera de xente da que de seguro me esquezo, pero que saberán desculparme. a todos eles e a vós, grazas.





            Os primeiros días do ano
            foron deseñados
            para a morte.

            Como as cuncas máis profundas.

8.10.12

a luz.



A luz non entra en Compostela.
A luz está morta cando chega a Compostela.
A luz está mollada.

Penduraron do teito un cadáver.

14.6.12

a promesa do teu alento






Como ver o frío
ou presenciar un accidente ferroviario.

A abertura exacta da miña boca.

A promesa do teu alento.




12.6.12

the sea



El mar no es más que un pozo de agua amarga,

a pesar de los versos de los hombres,

el mar no es más que un pozo de agua oscura.



Idea Vilariño




This is the sea, then, this great abeyance.

Sylvia Plath.

(eu, que nunca escribo sobre o mar
e leo por ver se afogo)

12.9.11

curtocircuito



1.

Traguei as luces do nadal pasado.

A miña traquea
renega.

Só quería que soubeses
que se queimo o coche
non será por ti.


2.

Regálame algo que arda.
Para cando volvas
quero

algo que arda.


3.

A fin de contas dentro de min
é sempre
nadal.

E a postura
incómoda.

Regálame un sofá
para adornalo con luces.

Regálame un
curtocircuíto.






9.9.11

rollergirl



1.

cada mañá
a rapaza loura cruza a rúa
en patíns.

os calcetíns sobresáenlle.
sorrí.


2.

antes do outono
mamá
despega todas a fotos do álbum
nas que saía ela.

e non di nada.

a moza xa non cruza.



3.

a muller loura dos patíns
é cocainómana.

liña branca
segmentada.

eu non sei pelar unha mazá.

ela xa non cruza.


4.

mamá saca fotos
das hemorraxias.

3.9.11

escaparatismo e posibilidades




A salvación tamén fora sempre unha posibilidade.
A neve non tardaba en derreter. Lembro
que aquel inverno
eu estaba nun escaparate. Que escribía nun escaparate.

Ía frío e as xemas
pegábanse nas letras da máquina de escribir.
Era beleza pura esa tortura.

Do outro lado da cristaleira vós pasabades
sen apenas mirar
engulidos en teas e publicidade.

Bastaría romper o vidro coa máquina
para saír.

Fuxir fora sempre unha posibilidade.