27.3.13

coellos




Os órganos dos coellos medran
dende os seus ollos.

Hai un parto de raíces nesa negrura.
En tanta inocencia.

A miúdo durante a época de apareamento
o corazón rebéntalles
antes de que remate o salto.
                          
O seu pelexo, non obstante, segue sendo branco,
pero por dentro
o sangue medra e chégalles ata os ollos.

Os coellos morren pois
cegos.
No aire.
Namorados.



13.3.13

paxaros





Como tocar o teu corpo ata convertelo nunha traxedia.
Sen campo de batalla.
Coas miña mans así quentes
sobre a túa estepa.
E quero que che doia.

Pombas furándome o ventre.
Ti non sabías que eu contaba as pombas
cada vez que volvía á casa borracho
pola noite.
Pombas durmidas como cancros no rosetón dunha igrexa.

E pensarche coma un paxaro,
crebarche o pescozo como facía cos polos miña avoa,
ese manobrar seguro e mecánico
amortecido pola carne.
A tensión no músculo.

Tocarche así.
Facendo dano
como cando ti me mirabas
e eu só quería que me amases.

8.3.13

i'm eighteen today




These days have gone
in the sun, in the shame
I'm eighteen today
what a mess
I have been

...

De pronto se sintió como si estuviese a punto de saltar desde lo alto de un acantilado, como si ni siquiera pudieran ser personas de ahí en adelante, como si no tuvieran nombres, sino tan sólo aquella blancura inmediata, un poco escandalizada y un poco celebrativa…

Andrés Barba

...

Houbo logo un tempo que pasamos ocupados en vivir,
tanto que
nin lugar nin intre atopabamos
para escribir
as cartas nosas a países afastados.

Helena de Carlos

...

...e asombreime
das sílabas entrecortadas, as palabras cargadas
de angustia, que saían en bruto da miña boca de neno.

Raymond Carver

...

(a un mes dos 19)


4.3.13

o que nos separa


 
Absortos como estabamos na falsidade do mundo académico,
nos parques, abandonando botellas,
(every drop of this sadness has been crafted since 1994)
diferenciounos a prolongación no tempo das nosas adolescencias.
Camiños distintos para un mesmo campo.
As mans gastadas.
Diferenciounos a cantidade de alcol empregada.
O proído contra a ferida na caída.
As veces que eu me arrastrei de volta sobre os meus pasos
buscando o que fora de ti polos recintos universitarios.
Iso foi o que nos separou.
Iso, e a miña forma de quererte.
Nada máis lonxe da miña vontade.