Amosando publicacións coa etiqueta nenas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nenas. Amosar todas as publicacións

20.2.14

a contemplación



Non hai salvación, convéncete. Non hai salvación.

*

Ó fondo do local bícase unha parella. Non se pode tocar, só mirar. Ás sensacións cegas denominámolas odio, pracer ou ambas. Eu podería ser un deles e non obstante non existen. Eu podería ser un deles e odiarme tanto.

*

Unha hora despois estou aínda algo borracho na sala de espera do andar de pediatría. Teño o pelo mollado e cústame pensar. Hai cadeiras de cores diminutas e as luces do teito acéndense grazas a sensores de movemento. Non podo durmir pero tampouco podo ler sobre o desexo egoísta de Carmen Jodra, sobre os rapaces que choran por amor. A enfermeira do mostrador esperta se me levanto.
Hai unha rapaza paseando en camisón polo corredor. Vana operar de algo que ten que ver coa columna. Camiña para calmar a dor. Pensa que son moito máis vello do que son. Despois ruborízase, catro anos non lle parecen suficientes como para confiar en min. Procuro sorrir.

*

O azul do meu abrigo combina coas sinalizacións amarelas da área de quirófanos. Pecho os ollos e desexo un bico longuísimo ó fondo dun local cheo de xente. Non é tan raro. Miña irmá sairá de aí sen un apéndice. Todos están preocupados. Eu son o único que se atreve a confiar na carne. 
Despois ten a cara vermella, quere durmir e non me solta a man.

*


Subo no autobús. Penso nos rapaces de hai unhas cantas horas. No xeito no que se agarraban. Na confusión (parecíanse tanto?). 
O reflexo non ten que ver coa carne. A operación non ten que ver coa carne. O apéndice non ten que ver coa carne. 
A contemplación fainos tristes.

30.8.13

as formigas


Charlotte Caron.

Miña irmá e miña prima saen da piscina
e sentan nunha toalla ó meu carón.
Levan postos biquinis cor pastel.

As formigas sóbenlles polas pernas ata o ventre.
Os seus peitos pequeniños coma flores sen aroma
por debaixo do tecido mollado.
Falan.
Deciden que a máis guapa será a que máis formigas
teña sobre a pel.

Miña prima é loura e espigada,
os seus peitos apuntando aínda as augas frías da piscina.
Miña irmá é quen de ver o campo baleiro
e intuír o peso do seu froito.
Non é culpa súa.

Diante de nós a casa proxecta a súa sombra.

As formigas mórdenlle a carne pero elas seguen caladas.
Miña irmá mata unha formiga sobre a coxa dereita.
Sabe que outras virán buscar o seu cadáver.

Faise tarde
e ninguén gaña.

Dentro, meus pais toman café.