Amosando publicacións coa etiqueta traducións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta traducións. Amosar todas as publicacións

26.5.14

tres poemas de Philip Larkin


Uta Barth



XIX A IRMÁ FEA

Subirei trinta chanzos ata o meu cuarto,
deitarei na cama;
deixarei que a música, o violín, a corneta e o tambor
marchen dende a miña cabeza.

Xa que non fun embruxada na adolescencia
e levada ó amor,
mirarei as árbores e o seu silencio amable
ós ventos que se moven.

XXV

Amence de novo
en cada rúa,
e somos estraños outra vez.
Para cando nos atopemos
como poderei dicirche  que
a pasada noite apareciches
sen querer nun soño?
E como esquecer
que desgastamos o noso amor de boa gana
falando ós golpes
coma amigos, como os que deixarán
que a paixón morra nos seus corazóns.
Agora, observando o vermello do leste estenderse,
pregúntome como puido o amor instalarse xa
nos soños, cando non nos vimos aínda
máis veces das que podo contar cunha man.


XXVI

Como a máis pesada das flores, a cabeza
colga para sempre da cama intacta;
unhas mans gobernadas polo corazón
serán finalmente acollidas por mans máis escuras,
cada sentido exultante
desatado ó silencio –
o sol marchando á deriva.

E todos os recordos que mellor
conducen a esta tempada de desasosego
deitarán sobre a terra
que lles deu vida.
Como mazás caídas, perderán
a súa dozura na ferida,
e  podrecerán.



de O barco do norte (1945)



8.12.13

a historia das nosas vidas. tres poemas de Mark Strand.


Pia Bramley


1

Estamos lendo a historia das nosas vidas
que ten lugar nun cuarto.
O cuarto dá a unha rúa.
Non hai ninguén alí,
ningún ruído.
As árbores están cargadas de follas,
os coches aparcados nunca se moven.
Nós seguimos pasando páxinas, agardando algo,
algo como a piedade ou o cambio,
unha liña negra que nos ate
ou nos separe.
Deste xeito, parece
que o libro das nosas vidas estea baleiro.
Os mobles do cuarto nunca cambian de sitio,
e as alfombras escurecen cada vez
que as atravesan as nosas sombras.
É case como se o cuarto fose o mundo.
Sentamos xuntos no sofá,
lendo sobre o sofá.
Dicimos que é ideal.
É ideal.


2

Estamos lendo a historia das nosas vidas,
como se estivésemos nela,
como se a escribísemos.
Isto sucede unha e outra vez.
Nun dos capítulos
recóstome e comezo a escribir sobre o libro.
Escribo que desexo avanzar máis alá do libro,
máis alá da miña vida cara a outra vida.
Pouso o bolígrafo.
O libro di: Pousou o bolígrafo
e xirouse para vela ler
a parte na que ela namora.
O libro é máis preciso do que podemos imaxinar.
Recóstome e mírote ler
sobre o home do outro lado da rúa.
Construíron unha casa aí,
e un día un home saíu dela.
Namoraches del
porque sabías que nunca te visitaría,
que nunca descubriría que estabas agardando.
Noite tras noite dicías
que el era coma min.
Recóstome e miro como envelleces sen min.
A luz do sol cae sobre o teu pelo prateado.
As alfombras, os mobles,
agora parecen case imaxinarios.
Ela seguiu lendo.
Pareceu non considerar especialmente importante
a súa ausencia,
como alguén que nun día perfecto considera
o clima un fracaso
porque non fixo que cambiase de idea.
Péchanseche os ollos.
Tes o impulso de deixar o libro
que describe a miña resistencia:
cómo cando me recosto imaxino
a miña vida sen ti, movéndome
cara a outra vida, outro libro.
Describe a túa dependencia do desexo,
o xeito no que te asustan
as fugaces revelacións da intención.
O libro describe moito máis do que debe.
Quere dividirnos.


5

Se polo menos houbese un momento perfecto no libro;
se puidésemos vivir nese momento,
poderiamos comezar de novo o libro
como se non o escribísemos,
como se non estivésemos nel.
Pero as achegas escuras
a calquera páxina son demasiado numerosas
e as saídas demasiado estreitas.
Lemos durante todo o día.
Cada páxina que pasamos é coma unha candea
movéndose a través da mente.
Cada momento é como unha causa desesperada.
Se polo menos puidésemos parar de ler.
El nunca quixo ler outro libro
e ela seguiu fitando a rúa.
Os coches estaban aínda alí,
cubertos polas sombras profundas das árbores.
As sombras que se debuxaban sobre a casa nova.
Quizais o home que vivía alí,
o home que ela amaba, estivese lendo
a historia doutra vida.
Ela imaxina unha sala núa,
unha cheminea fría, un home sentado
escribindo unha carta a unha muller
que sacrificou a súa vida por amor.
Se houbese un momento perfecto no libro,
sería o derradeiro.
O libro nunca discute as causas do amor.
Afirma que a confusión é un ben necesario.
Nunca explica. Só revela.


[a traducción do inglés é miña, de aí os erros]


5.7.13

si



Marc Chagall

Agora somos como aquela morea chata de area
no xardín do Pavillón de Prata de Kyoto,
deseñada para aparecer só baixo a luz da lúa.

Queres que te chore?
Queres que garde loito?

Ou como a luz da lúa sobre a area branquísima
que use a túa escuridade para brillar, para escintilar?

Brillo.       Chórote.


Tess Gallagher


[a traducción do inglés é miña, de aí os erros]

13.4.13

Ágata



Meghan Howland

Foi amor à primeira vista.
Ela tinha nome de pedra preciosa
e, na literalidade dos meus cinco anos,
cabelo em forma de pássaro – negro
asa de corvo.
Era o tempo em que ainda
aprendia com o corpo todo:
uma fractura exposta para entender
o significado da maioria, uma pneumonia
para descobrir a solidão.
Quando ela me cravou um lápis
sob o olho esquerdo, pressenti que a escrita,
grafite fria à flor do sangue,
deixaria marcas para sempre.
Nunca mais nos separámos.
Eu e as palavras,
a Ágata mudou de escola.
Inês Dias.

3.4.13

o regreso do poeta

O poeta volveu ser poeta
tras décadas de ser un virtuoso.

Non podes ser as dúas cousas?
Non. Non en público.

Antes, si se podía,
cando Deus era aínda vinganza atronadora

e gozaba do cheiro do sangue,
e non chegaba a outorgar o seu perdón esvaradío.

Podías esparexer entón incenso e loubanzas,
levando o teu colar de serpe,

facendo himnos para os cranios afundidos dos teus inimigos
rematados en retrouxos píos.

Sen sorrir de maneira deferente, sen preparar galletas,
sen ter que dicir De verdade que son unha persoa amable.

Benvido de novo, querido.
Chegou a hora de retomar a nosa vixilia,

hora de abrir a porta do teu soto,
hora de lembrarnos a nós mesmos

que o deus dos poetas ten dúas mans:
a destra e a sinistra.

(Margaret Atwood)

12.12.12

dous poemas de Jane Kenyon

A esposa enferma.

A esposa enferma permaneceu no coche
mentres el mercaba comida.
Nin sequera ten cincuenta
e xa aprendeu o que é
non poder abotoar un botón.

Era mediodía,
así que só nais con nenos pequenos
ou parellas xubiladas
camiñaban polo parking lamacento.

A roupa limpa e brillante balanceábase en perchas
dentro dos coches dos acomodados.
Con que facilidade se movían,
con canta liberdade,
mesmo os anciáns e os relativamente débiles.

As ventás comezaron a se embazar.
Os coches aparcados ó seu carón
marcharon tan rápido
que lle entristeceron o corazón.


Abrigos.

Vino saír do hospital
cun abrigo de muller sobre o brazo.
Evidentemente ela non o precisaría xa nunca máis.
As gafas de sol que levaba non podían
ocultar a súa cara húmida, o seu desconcerto.
Como burlándose, o día era luminoso
e o aire suave para ser decembro. Aínda así
subiu a cremalleira do abrigo e atou
a capucha debaixo da mandíbula, preparándose
para un frío irremediable.


[a traducción do inglés é miña, de aí os erros]


11.6.12

i have no ambitions ou plans pouco poéticos de verán



non teño ambicións
non quero matar o presidente
non quero ir a harvard
non quero gañar o premio pulitzer
só quero sentar na bañeira
e pensar nas relacións que nunca terei
con xente que nunca coñecerei
e despois deitarme na cama
cunha lupa
e contar todas as costuras nas miñas sabas
ata quedar durmida
e espertar
para volver empezar.

Ellen Kennedy.


                  [a traducción do inglés é miña, de aí os erros]