4.6.14

o sacrificio, a fotografía, a luz do sol.


Sasha Drustskoy


Ás veces tento lembrar o corpo que tiña entón, porque nel fíxanse as impresións, el lanza ó mundo as súas emocións. Pero non se me aparece nada. Creo que nin unha soa vez pensei en agradar, mireime nun espello, pensei se era guapa ou non. A miña mente estaba demasiado ocupada fóra de alí. En que? Onde? Sería incapaz de dicilo con exactitude, aínda me que parece que en grande medida gardaba relación coa linguaxe.
Anne Serre.


Pero minto e o meu corpo precisa paxaros e anacos de vidro. E plumas. O meu corpo precisa o sacrificio, a fotografía, a luz do sol.

O ollo é imposible. A linguaxe é imposible.
Os días atravesan. Duran. Fanse paisaxe. 


O corpo non ten solución.

31.5.14

as ondas





Pity us, pity the ocean, here we go.
Anne Carson


Merco un libro azul. Merco un libro azul de Virginia Woolf para que o teñamos xuntos. Penso que o mar é unha peza de madeira. 

Os pais. A distancia. A concesión.

Como encaixará o mar en todo isto?

26.5.14

tres poemas de Philip Larkin


Uta Barth



XIX A IRMÁ FEA

Subirei trinta chanzos ata o meu cuarto,
deitarei na cama;
deixarei que a música, o violín, a corneta e o tambor
marchen dende a miña cabeza.

Xa que non fun embruxada na adolescencia
e levada ó amor,
mirarei as árbores e o seu silencio amable
ós ventos que se moven.

XXV

Amence de novo
en cada rúa,
e somos estraños outra vez.
Para cando nos atopemos
como poderei dicirche  que
a pasada noite apareciches
sen querer nun soño?
E como esquecer
que desgastamos o noso amor de boa gana
falando ós golpes
coma amigos, como os que deixarán
que a paixón morra nos seus corazóns.
Agora, observando o vermello do leste estenderse,
pregúntome como puido o amor instalarse xa
nos soños, cando non nos vimos aínda
máis veces das que podo contar cunha man.


XXVI

Como a máis pesada das flores, a cabeza
colga para sempre da cama intacta;
unhas mans gobernadas polo corazón
serán finalmente acollidas por mans máis escuras,
cada sentido exultante
desatado ó silencio –
o sol marchando á deriva.

E todos os recordos que mellor
conducen a esta tempada de desasosego
deitarán sobre a terra
que lles deu vida.
Como mazás caídas, perderán
a súa dozura na ferida,
e  podrecerán.



de O barco do norte (1945)



14.5.14

memoria dun cuarto




Alba Yruela


la pieza oscura como el claro de un bosque. Enrique Lihn.


*

Entramos no cuarto como quen fere os bordes.
Ós dezanove anos eu só tiña ganas de incendiar herba, era algo non diagnosticado. Por que estabas tan triste?
Prometín un fulgor que proxectaría formas nas paredes. Prometín un par de mans.
Entramos no cuarto antes da música e da luz.
Puiden romper calquera das miñas promesas.
Ferimos algo que non estaba alí.

*

Hai coches sucedendo fóra. Nunca a chuvia.
Medimos o tempo polo cabelo branco das tolas. As mulleres dementes só teñen dereito á súa vellez sen un espello. Así nós.
Relegamos o poder da palabra, desgastámola en cuspe.
Quero ser unha muller morta coa cabeza chea de formas.
Instruírme no silencio.

*

Poñemos música.
Hai algo que baila e non somos nós. Fóra as campás. Hai algo que se dilata e treme.
Vou debuxar no aire a posibilidade do teu rostro. Ás escuras. Como se a guerra. Como se a promesa falsa.
A posibilidade do teu bico.
Vou debuxar no aire ata que se faga branco ou estoupe.

*

Agárrame pola caluga. Despois caer.

*

Entra no cuarto unha parella de perdices.
Abre a boca, abre máis a boca. Pero eu teño medo de que se nos metan dentro e nos coman o fígado. Teño medo da marca de sangue seco na punta dos seus peteiros. Senta. Abre a boca.
As plumas ráscanme na gorxa mentres trago.
Trago dúas perdices. Teño dentro dúas perdices.

*

Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto.

*

Preguntas: Que queres como proba do meu amor?
Respondo: Quero un cadáver louro entre as ortigas esmagadas.

Quero os cortes nas túas pernas. As marcas que che deixan nas mans os animais do bosque.
Aprender a diferenza entre o xogo e a ferida.
Comer o teu corazón de mans dun descoñecido.
Esa pobreza e un xesto.
Quero.

*

Os nenos son anteriores ó cuarto e ós amantes. Anteriores ó sangue. A brancura das fotos así nolo confirma. Unha festa de aniversario.
Isto podería ser unha festa de aniversario. Dentro de min a festa ou unha botella de alcol roubada ós maiores.
Nenos que fuman.
Fóra a música e a xente que se ergue.
Trabámonos nas mans coma animais cegos. Houbo un intre de flash.
Cal é o destino das cousas que brillan?
O cuarto escuro. O claro dun bosque. Dentro corren nenos.
Fóra aprendemos a amar.



("memoria dun cuarto" foi premiado no XI Certame Literario Concello de Ames. máis información aquí)

23.4.14

o anxo bo (a propósito dun poema de Alberti)



Angela Dalinger


Dentro do peito ábrese
un cuarto pequeno, a porta pechada,
a sombra dunha humidade.

Enriba da ventá
un farol.

Fóra as palmeiras,
a vista laranxa e negra como de alameda.

Cidades sen mendigos
piden abrigo de súpeto. Trens
sen música, sabor
a metal.
A túa boca que se afunde sobre a fonte.
Un pé na ducha.

As campás das seis da mañá espertan as monxas.

No aire drogas.
Aprendamos a esnifar para ser o mundo,
a man dunha nena,
un xiro.

As campás das seis da mañá estorban a carne.

O que caia do ceo será sempre un milagre.

17.4.14

agora xa non


Mariano Fortuny


Non é o amor o que perturba a vida, senón a incertidume do amor.
Henri Pierre Roché.

Eu tiven medo de amar. Hoxe rematei o libro. A lonxitude da deriva. Os amantes volvendo coller barcos.
Rematei o libro e volvín abrir o teu mapa. Tamén pensei en escribir aquí os poemas da cidade, pero prohibiumo algo. Aínda non sei se a escuridade do avión ou unha promesa que non fixen e que rompo agora: como se non volvésemos falar nunca máis.
Abrín o mapa. Antes pensaba que faltaba a beleza. Que todo se confundiría coa beleza. Agora xa non. Non escribo aquí os poemas da cidade porque son do corpo e non sei que é do corpo, que será do corpo. Non sei os barcos.
Rematei de ler o libro e xa non podo volver escribir un nome. Dixemos que a miña idade era a decadencia. Que o mellor fora recordarme alí ós dezasete anos.
O sombreiro voa ata os pés do home. Así debe ser. A lonxitude da deriva, as liñas das mans. 
Como os irmáns. O comezo e o final.

1.3.14

a boca negra do cabalo negro



A flor do alcol medra na boca negra do cabalo negro. Amarro con cordas os meus pulsos ós seus dentes, non tanto para que me arrastre como para que non poida soltarme.
Agárroo por un ombro e non sei se se decata.
A boca negra do cabalo negro é cara. A boca negra do cabalo negro é fría.
O meu corazón é novo e móvese diante das luces.

*

Hai que abrir as portas lentamente e deixar que vaia entrando a auga ata que se faga co cheiro da casa. Hai que deixar que a auga chegue ós labios e, entón si, recoñecer a humidade. Recoñecer a humidade e seguir mentindo.

*

Dóeme o corazón de durmir.
Dóeme o corazón de estar aquí.
Dóeme o corazón de desenterrar.

*

Descoñezo como dicirche que quedes ou que quero quedar. Descoñezo como dicir a verdade sen que me doian as mans. Teño un corte no índice e non sei onde foi parar o sangue.
É importante que non existan as promesas e deixar entrar a auga ata que non poidas falar. 
Que matarei o meu cabalo só para que non me vexa perder, coa boca aberta.

20.2.14

a contemplación



Non hai salvación, convéncete. Non hai salvación.

*

Ó fondo do local bícase unha parella. Non se pode tocar, só mirar. Ás sensacións cegas denominámolas odio, pracer ou ambas. Eu podería ser un deles e non obstante non existen. Eu podería ser un deles e odiarme tanto.

*

Unha hora despois estou aínda algo borracho na sala de espera do andar de pediatría. Teño o pelo mollado e cústame pensar. Hai cadeiras de cores diminutas e as luces do teito acéndense grazas a sensores de movemento. Non podo durmir pero tampouco podo ler sobre o desexo egoísta de Carmen Jodra, sobre os rapaces que choran por amor. A enfermeira do mostrador esperta se me levanto.
Hai unha rapaza paseando en camisón polo corredor. Vana operar de algo que ten que ver coa columna. Camiña para calmar a dor. Pensa que son moito máis vello do que son. Despois ruborízase, catro anos non lle parecen suficientes como para confiar en min. Procuro sorrir.

*

O azul do meu abrigo combina coas sinalizacións amarelas da área de quirófanos. Pecho os ollos e desexo un bico longuísimo ó fondo dun local cheo de xente. Non é tan raro. Miña irmá sairá de aí sen un apéndice. Todos están preocupados. Eu son o único que se atreve a confiar na carne. 
Despois ten a cara vermella, quere durmir e non me solta a man.

*


Subo no autobús. Penso nos rapaces de hai unhas cantas horas. No xeito no que se agarraban. Na confusión (parecíanse tanto?). 
O reflexo non ten que ver coa carne. A operación non ten que ver coa carne. O apéndice non ten que ver coa carne. 
A contemplación fainos tristes.

18.2.14

cheguei ós vinte anos á miña patria




Sigurður Guðmundsson

aprendo de memoria un cuarteto e un terceto. son poemas diferentes pero non importa. ultimamente este tipo de mesturas non importa. é máis ben algo entre o corpo e as palabras. ser máis coidadosos coas horas que escollemos para faltar a clase. rematar as copas dos amigos. ser máis coidadosos coa memoria. 

*

escribir borracho o contrasinal do ordenador será o meu maior logro. 
despois esquezo e esperto. despois o profesor di que non sabemos como se el si soubese. despois segue habendo un gato morto, a porta dun bar e manchas de cervexa. 
algo que se repite.

*

o bico que non acontece non carece de movemento.
a medida é algo sobre o que ninguén sabe. a medida é algo sobre deus. un edificio pálido. a néboa. o olor.

*

se tomamos a néboa como tema podería acabar por dicir que me custa ler dende aquí. que me custa ler.
escollo un libro cheo de citas á Odisea: “cheguei ós vinte anos á miña patria”.
dous meses. faltan dous meses e os meus pés mollados.
en dous meses son quen de romper todas as promesas, de tinxir o pelo e, entón si, sacar unha foto na que non me recoñeza. unha foto sen praia, sen barcos.

*

tamén dixen algo sobre os incendios, sen faltas de ortografía.
había que aprender a mirar.

*


pero nada disto é importante, creme. aprendo de memoria un terceto e un cuarteto. saio a fumar. a mesa é grande. o ceo é branco. nada do que eu poida dicir freará a caída. hai que escoller con coidado.

2.2.14

oh I beg you, can I follow?


Kyle Thompson


Hai un gato morto a carón do parque. Entre dous coches. Está mollado. Non me fixo demasiado. Sigo camiñando.

*

O desexo pasea polos corredores da facultade.
Pensei que levaría as lentes sempre postas. Equivocábame. Pensamos que o seu nome comezaría por J. Equivocámonos. Pensei que sería sinxelo. Equivoqueime.
Non nos atrevemos a aproximar o peso das vísceras. O impulso nunca nos ascendería tan alto.
A descrición é sempre irreal. Vale máis unha fotografía?
Non minto. Aínda non.

*

Saio con P. Un rapaz moi baixiño pensa que somos mozos e di que facemos moi boa parella. Despois alguén lle pide un cigarro e o tipo baixo quere a cambio un bico. Rimos os tres.
P volve pronto á casa. Dóelle o peito e vomitou.
Quedo só. Subo ata Cervantes. Diante de min unha rapaza camiña lento coa chaqueta polos ombros. Canta.
Cústame quitar a roupa. Deixo a ventá aberta. Esperto porque chove.

*

O desexo non é o amor. O amor non é a beleza.

*

Teño medo.
Teño medo porque ninguén sabe o que quere.
Teño medo se a vista descansa. Se descansan os órganos.
Teño medo de curar.

*

O gato segue aí. Ninguén se ocupa do gato. Ninguén se pregunta polo nome do gato. Polo peso do gato.

*

Crúzome co desexo dúas veces. Non me mira. Teño o pelo mollado.
A noite é grande. O río profundo.


28.1.14

a cidade ten resaca




mércores

Pensei que sería diferente. Sempre o penso.
Rematamos os exames e necesito un par novo de zapatos. Non importa.
Lembro o libro. Non creo que o saiba. Non importa.
Pola noite A bebe demais e volvemos pronto á casa. É curioso o fracaso sen vitoria. De camiño agarrámola forte pola cintura e dígolle que ten que aprender a tranquilizarse. Esa é a clave. Chegamos e cústame durmir. Penso en todo o que hai fóra. Decido que non me importa. Que tampouco importa.

xoves

Pola mañá vou facer o exame oral de inglés. Chéirame o alento a cervexa. Cepillo os dentes dúas veces pero non se vai. Creo que suspendín. Dixen que os ovnis eran algo parecido a deus. Os examinadores riron. Vai sol.
H pregunta se estou ben. Non contesto á mensaxe porque non quero mentir e non sei se estou ben. En lugar diso, marcho mercar zapatos con A. Escollemos uns marróns e outros grises. Os grises véñenme grandes e non teñen o meu número. Merco os marróns e seguimos camiñando. A ponse nerviosa se damos voltas sen un rumbo fixo. É a típica manía que me fai graza nela. O noso xeito de pasalo ben.
Antes de chegar á casa H chama por teléfono e pregunta por que non contestei. Teño que poñer o móbil a cargar e sento no chan mentres falo . Arrinco un cacho de pintura da parede.
Primeiro non íamos saír e despois decidimos que si. Empréstolle o meu xersei novo a M. Quédalle moi ben, mellor que a min. A xente sabe que é un xersei de home pero iso faina parecer sexy, creo. Bebemos viño branco. Nalgún momento, unha amiga pregúntame que tal. Non estou seguro de se estou borracho. Contesto que non estou namorado. Non sei se é certo. Despois os farois apáganse e volvo á casa en silencio.



venres

A cidade ten resaca. Saio pola ventá en pixama e maréome un pouco.
Como tarde e vou camiñando ata un centro comercial. Non atopo outros zapatos que me gusten. Miña nai chama dúas veces, pouco tempo, non axuda. Acabo por mercar dúas camisetas, unha gris para tirar con algunha das vellas, e outra que seguramente non volva poñer fóra do probador. Merco unha versión de min, penso.
Creo que os zapatos novos me magoan no talón. Quedo con H e estou canso. Imos buscar viño. Rimos moito. P aínda non rematou os exames.
Pedimos comida chinesa na casa de M. Fumamos por quendas. Sentamos na alfombra. Pintamos os labios. H e máis eu lemos os horóscopos de todo o mundo. Os amantes rin da miña soidade. O horóscopo tamén. Antes de ir para a casa X dime que busque novos amigos e deséxame sorte coa película. Penso en facer o de camiñar cara atrás mentres me despido. Nunca me saíu de todo ben. Decido non facelo.

luns

Volvo á cidade sobre as once da noite. Vai moito frío. No coche, papá e eu discutimos sobre ata que punto sería beneficioso que eu pasase unha semana (lectiva) de viaxe en Hamburgo se non sei alemán. Deixamos pronto esa conversa. Os dous sabemos que se o quero facer, fareino. Na radio poñen unha canción que coñecemos os dous. Eu canto só os anacos que lembro de memoria en inglés.
Déixame na casa. Subo. Gárdoo todo no seu sitio. Póñolle grampas á grampadora. Busco tabaco aínda que sei que o rematei o venres mentres volvía á casa.
Trato de meter o nórdico na súa funda e penso que un bo anuncio nunha páxina de contactos sería ese: búscase parella para pórlle a funda ó nórdico. Fundiuse a lámpada do baño. Enchufo o flexo e dúchome cunha sombra enorme detrás.  Non sei se estou ben.

(as imaxes son de Alba Yruela)

25.1.14

l'orage





Rouge.
Krzysztof Kieslowski.


O home nace para o pracer: sénteo, e non lle é necesaria ningunha outra proba. Obedece pois a súa razón ó entregarse ó pracer. Pero, moi a miúdo, sente paixón no seu corazón sen saber por onde chegou.

Blaise Pascal.

20.1.14

algo fráxil



Kyle Thompson


creo nas liñas das mans porque cambian.

envío tres paquetes por correo, merco un lapis, devolvo Azul de Kieslowski (hai máis dun mes que me ameazan dende a biblioteca). A sácalle fotos a unha poza. rimos. falamos de horarios. teño exame en dous días e non me importa suspender. esa é a verdade. tamén vexo a P. parece canso. seguramente leve varios días sen durmir. non lle digo nada pero el sorrí igualmente. quedamos en vernos a semana que vén.

máis tarde, o ordenador reinicia só. algo falla. teño medo de perder as fotos e os poemas. non todas as fotos nin todos os poemas. só algúns. 

mentres, penso nos horarios do próximo cuatrimestre.

algo fráxil. de repente faise o escuro. teño medo da gravidade. 

abro a ventá, sento na repisa e fumo. xa non vai frío. miro a estada que cobre a torre da carraca. para cando a desmonten, penso, xa nada disto me fará falla.


16.1.14

o granizo


Ana Teresa Barboza


o frío despois do granizo é dunha seguridade estraña.

onte estaba triste e fun beber viño con M e M. hoxe estudo fonética e non é demasiado reconfortante. sigo sen querer ir á facultade. todos temos medo.

escribo un poema sobre pontes. O dime que lle gusta o libro novo. eu non estou seguro de que sexa sequera sensato. de feito, é probable que estea triste só por seguir escribindo no libro, pero quero acabalo.

tamén estou lendo unha novela que é un diario. a protagonista e o seu mozo viven en París e non fan máis que foder en baños públicos. está ben. nas primeiras páxinas aparece un tío do que non se fala moito pero que parece ser un capullo. penso que me parezo a ese tipo. ou se cadra non.

é a segunda vez que graniza, case non saio do cuarto.  vou ó supermercado con fame e merco demasiadas cousas.

M pronuncia o seu nome. dime: ti non sabes que pode estar pensando. dime: eu non podo odialo. 
eu tampouco.

quero acabar os exames. xa non me custa durmir pero cústame concentrarme. 

vou escribir un libro cheo de xente coma o capullo da noveliña. eu non estarei por ningún lado. eu miro.

ten que ver con tecer, o granizo. coma un desprendemento.

12.1.14

sexual content warning



Ryan Tippery




Nunca amamos ninguém. Amamos, tão-somente, a ideia que fazemos de alguém. É a um conceito nosso - em suma, é a nós mesmos - que amamos. Isso é verdade em toda a escala do amor. No amor sexual buscamos um prazer nosso dado por intermédio de um corpo estranho. No amor diferente do sexual, buscamos um prazer nosso dado por intermédio de uma ideia nossa.


Fernando Pessoa, Livro do Desassossego.


.

George, mentres, trepa por enriba, algo ríxido. Kenny mírao dende abaixo, a súa cara aínda iluminada polas farolas que bordean o paseo.

- Poña os pés nos meus ombros, señor.

George faino, entre ebrio e confiado, e Kenny, coa destreza dun bailarín de ballet, suxéitao polos nocellos e as coxas e deixa que escorregue ata a area. Durante o descenso, os seus corpos rózanse breve e rudamente. O campo eléctrico do diálogo rompeu. A súa relación, como queira que se plantexe agora, xa non é simbólica. Xíranse e corren cara o océano.

Christopher Isherwood, A single man.

.


non somos Kenny Potter. 
non somos Kenny Potter. 
non somos Kenny Potter.

realmente á miña xeración non lle interesa o sexo. si a representación. que é este corpo?

bebo café de máquina e case nin durmo. pola mañá érgome e camiño ata unha farmacia. non interesa o que levo posto, senón o traxecto.

este corpo non ten que ver con nada. este corpo non ten que ver aquí. esta cama non é a mesma cama. non somos Kenny Potter. Kenny Potter non nos representa. o sexo non existe. a lingua é irregular. Kenny Potter non estivo no meu cuarto.

isto non era exactamente o que quería dicir.

confundo o amor co desexo. a beleza co movemento. a febre coa premonición.

era algo distinto. algo imposible. algo como unha praia ou as formas verbais dun idioma que descoñezo. cousas que non se poden agarrar coas mans.

a luz, seguramente fose a luz. a prohibición. o alento. o  non regreso.

non somos Kenny Potter. 
non somos Kenny Potter. 
non somos Kenny Potter.
non podemos.



30.12.13

carta para C. (despois dun ano)




Pia Bramley

É difícil de explicar. Escoito a Rameau e vexo xente camiñando ou imaxino sexo. Entende o do sexo. Eu escribira para ti aquela escena, dous rapaces nus preto da estación de tren. Despois leuna moita xente. Déronme un premio máis ou menos importante. Non sabía que facer cos cartos. Agora é distinto. O libro complícase. Cada vez cústame menos escribir sobre os demais. Sobre os cuartos e a cor das paredes. É distinto dos teus fragmentos (tamén lles saquei cartos, non te ofendas). Sei que nunca falamos disto. En realidade non falabamos nunca demasiado. O sexo ten que ver cos paxaros, creo. E coa cor do ceo. Pero diso non quero que saibas nada aínda. Prefiro contarcho se nos cruzamos pola noite. Deixei de beber aqueles chupitos intragables. Escribo sobre días inconexos. Sabes que aínda recordo aquela mensaxe? A discoteca pechou. Tamén ten que ver coas putas de Bolaño. Que te escriba, digo. Leo a Bolaño, escoito a Rameau e é Nadal. Por iso nos gustamos, lembras? Porque rompemos todos a berrar cando acenderon os aspersores. Ningún deses corpos é xa o mesmo. Foi a última vez que xoguei coma un neno. Foi tamén cando máis nos desexamos. Iso é polo verán, porque era verán, non te equivoques. Agora volvín quedar só. Pero é moito máis complicado. De calquera xeito, parécese a cando ti marchaches. Só que escribo poemas. Díxome que non marcharía. Igual tampouco quería marchar, non sei. As túas promesas eran máis pequenas. As miñas ganas tamén. Sempre houbo certa proporción entre nós. Por iso só entrei na túa casa sendo día, aínda que a persiana estivese baixada. Fóra era de día. Escribo porque onte volvín mirar esas fotos. Estamos todos borrachos e parecemos máis nenos. Non sei como che foi. Eu aprendín a camiñar a cidade unha e outra vez. En grande parte grazas a ti. Pero iso era mellor que non o soubeses. De feito é mellor que non saibas que escribo esta carta porque fun capaz de te perdoar. E porque estou un pouco nese lugar. E tamén algo borracho. O que quero dicir é que volvo estar aí, ó lado da estación de tren. Que metáfora máis mala, non? Pero é certo. Probaches as drogas? Seguro que si. Vincho na cara. Eu deixei de fumar despois de ti. Agora volvo fumar. Deixareino cando remate o libro. É unha promesa máis ou menos pequena. Como as túas. Sigo escribindo. Case ninguén le realmente o que escribo. É algo íntimo, como cando escribía para ti. Só que esta vez quero facer un libro. Sigo mentindo cando escribo. Pero a mentira é un mal común. E penso que máis nada. Os cartos do premio gasteinos en libros e roupa, supoño. O relato non sairá publicado e alégrame. O relato era mentira, pero eu escribín esa escena e agora ten música de Rameau, e era importante que ti o soubeses. Estou escribindo un libro con música de Rameau. Aínda non decidín a paleta de cores. Por iso che escribín. Polo cuarto amarelo.


I.

27.12.13

levárono todo


Bleu.
Krzysztof Kieslowski.


de aquel que de mi amor ha hecho ausencia
[...]
y el pecho por su amor muy lastimado.

San Juan de la Cruz

24.12.13

a ferida


De cada cicatriz que hai no meu corpo
emerxe unha verdade.

Nikola Madzirov




A ferida

Ismael Ramos
María do Cebreiro

composta e editada por X Carlos Hidalgo


17.12.13

frédéric


La belle personne.
Christophe Honoré.


Frédéric ama a revolución.
Con todo, o nome é pura casualidade. Derívase dunha semellanza física. Da delgadeza extrema do actor francés. A fotografía da fame nunha esquina do cuarto. De xeonllos.
Frédéric é louro e ama a revolución. Ou cre nela. Claro que se algunha vez existiu algo semellante á fe nomeámola desexo.
A beleza de Frédéric, como a da revolución, reside na súa dificultade.


Vai frío. Fumamos.


(máis, no número 36 da revista Dorna)

10.12.13

dawson que non sabe medrar. notas complicadas a un mal día. #1



Peter Olof Fransson

por exemplo, acendemos cigarros porque o vimos nas películas. e amamos dun xeito similar, compulsivamente.  o acceso ás complicacións do amor é posterior. o que quero dicir é que as complicacións son na maioría dos casos pura invención, ou non. son o que confirman que non nos convertemos nos personaxes das series de televisión, que isto é real. pero o difícil está en establecer o límite.

.

á xeración de meus pais educounos determinado tipo de liberalismo, ben dentro, ou fóra da casa. non penso tanto en maio do 68, pero tamén. á xeración de meus pais pertencen os restaurantes, o contestador automático, Friends e o falso culto a Woody Allen. á miña, as cafeterías de moda, a roupa de segunda man, How I met your mother (ese remake con trazos de novela bizantina) e a fe cega en Woody Allen.

.

deste xeito miña nai querería que a súa filla fose Rory Gilmore ou Phoebe Buffay. ou Ally McBeal unha vez medrase. aínda que seguramente xa Rory Gilmore quixese ser Ally.
o que veño a dicir non é tanto que os nosos pais deitasen en nós as frustracións modernas dunha quenda enteira de guionistas estadounidenses, como que asistimos á consagración deses moldes. a nosa catarse como espectadores é o cigarro, o libro aberto, agardar a carón do teléfono. unha falsidade.

.

Dawson que non sabe medrar.
Dawson non era Peter Pan. era un estudante de CAV cunha moza emocionalmente inestable e un mal corte de pelo.

.

educámonos polo tanto no drama comercial. a culpa non é realmente de ninguén, quen ía pensar que un rapaz de seis ou sete anos querería entender se de feito Ross enganou ou non a Rachel?

.

estamos no lugar equivocado. no plató equivocado.

.

contábame o outro día un amigo que Brodsky escribira para Auden dende o momento en que o coñeceu ata a súa morte. non me estraña. non sei por que pero non me estraña. non sei agora mesmo, nin me vou deter a comprobalo, se era unha cuestión amorosa ou de pura admiración (seguramente o segundo). en calquera caso non imaxino a Brodsky como unha unha alma torturada. non imaxino a Brodsky escoitando a Belle and Sebastian en Venecia mentres Auden se deitaba cun rapaz vienés.

.

en conclusión: ó final deste poema non me atropela ninguén, xa non vivimos nos 90.

e dígovolo cun cigarro na man, dentro dun xersei de saldo, escoitando ós Smiths.