2.11.13

little children



So, please just blow out all the candles, blow out all the candles
"You're too old to be so shy," he says to me so I stay the night
It's just a young heart confusing my mind, but we're both in silence
Wide-eyed, both in silence
Wide-eyed, like we're in a crime scene.

*


¿Qué será de los niños que fuimos? Alguien se precipitó a encender la luz, más rápido que el pensamiento de las personas mayores.
Se nos buscaba ya en el interior de la casa, en las inmediaciones del molino: la pieza oscura como el claro de un bosque.
Pero siempre hubo tiempo para ganárselo a los sempiternos cazadores de niños. Cuando ellos entraron al comedor, allí estábamos los ángeles sentados a la mesa
ojeando nuestras revistas ilustradas —los hombres a un extremo, las mujeres al otro—
en un orden perfecto, anterior a la sangre.

Enrique Lihn

*


Ás veces imaxino que te somerxes ata o fondo dun lago.

Entón a túa carne pálida xa non parece enferma.
É carne a piques de iluminarse.

Se me tocas.

*

Seguro que tampouco viches esa película de Kate Winslet, ela sobre a secadora. Os nenos durmidos. A tormenta. 
Pois é todo un pouco así, pero con luz natural. Son como ganas constantes de saír a fumar. De cruzar a cidade fumando.
Como perseguir un animal cuxo rostro aínda non coñezo e determinar a disposición dos seus órganos sen abrilo. É como a ofrenda do cazador. Non saber disparar unha arma.
É como se a túa carne estivese a piques de iluminarse, pero iso xa o dixen. E tamén escribín un poema no que vai vento. 
É un estado de cegueira. Un desequilibrio. Unha droga. Unha ferida ou algo que se apaga.
A incerteza que treme.

25.10.13

estar ben

As súas profundidades e os seus baixíos, os seus cambios vertixinosos.
Por suposto, non se permitiu que seguiran sendo simplemente iso: profundidades e baixíos e cambios vertixinosos.
Por suposto, remataron poñéndolles nomes, un “diagnóstico”. […] Poño a palabra “diagnóstico” entre comiñas porque aínda non vin nin un só caso no que o “diagnóstico” leve a unha “cura”, nin de feito a ningún outro resultado que non sexa unha debilidade confirmada e un tanto imposta.
Joan Didion


Se me preguntan como estou digo que estou ben.
Pero logo detéñome a pensalo e o certo é que odio os médicos.
Así que xa non estou tan ben.
A fomentar este odio axudaron na miña biografía máis recente: as diversas visitas a consultas nas que acompañei a miña nai ó longo deste ano, a lectura das Blue nights de Joan Didion, varias outras noites, unha manifestación, un poema, os cinco tomos da autobiografía de Thomas Bernhard e unha estrafalaria teoría sobre a beleza, a selección natural e as carreiras universitarias.
Porque ser médico non deixa de ser un estado do corpo, coma ser filólogo, ou pobre, ou estranxeiro. Pero máis bonito. Sempre lles encontrei algo de bonito. Se cadra ódioos por imposibles. Seguramente. Por completos. Ou iso me parece, podo estar equivocado.
Escribo agora isto non porque me guste facer público o meu odio ós médicos, que en absoluto ten que ver con que sexan máis ou menos competentes. Que non garda relación con ningún medo infantil, nin tampouco coas salas de espera. É algo máis persoal.
Chamémolo ferida. Chamémolo ferida que non sangra. Ferida sen hospital.
Escribo isto agora coma se me fose curar de algo. Como se a literatura curase de algo. Ás veces penso que dicir iso tamén é crerse un pouco “médico” no sentido da palabra máis metafórico e persoal que se poida imaxinar. No peor dos sentidos.
A min a literatura aínda non me curou de nada. Sinto se afudín algún negocio.
O caso é que odio os médicos e agora pregúntome que quizais iso tamén sexa estar ben, por que non? O raro sería non doerse de nada.
Pero a min o que me gusta é escribir diagnósticos e pensar que algún día me reconciliarei co gremio e buscarei outro colectivo sobre o que escribir.
Poida mesmo que os médicos ós que odio non existan. Que non odie realmente a ninguén. Unha vez lin que só os rusos odian e aman verdadeiramente. Pero eu contra os rusos non teño nada. 
Poida mesmo que este texto non teña nada que ver cos médicos. Podería ser algo moito peor. Ou mellor. Podería ser que odio outras cousas, ou que non odio. Podería ser que me lembro doutras cousas e todo isto sexa unha carta de amor ou de despeito. 
Quizais non debería ter escrito iso. Porque o certo é que estou ben. Estou ben así, coas miñas profundidades e os meus baixíos. Que estou ben estando enfermo. Que hai días, moitos días, nos que me gusta estar enfermo.



16.10.13

tres notas a un 16 de outubro.


Pia Bramley

1.

a miña voz pertence ó aburrimento. nace do aburrimento. iso din. escriben.

esperto ás oito da mañá. dóeme a gorxa. ultimamente relaciono o meu estado físico con todo canto escribo. ou ó revés. tampouco importa demasiado.

a miña voz nace do aburrimento e da afonía de certos animais. do sacrificio.

2.

como con P. 

P consegue que vexa as cousas con perspectiva.
lemos en voz alta unha conversa de facebook. ben, léoa eu.
non interpretamos a conversa.

3.

pregúntasme se choro. respondo que nunca. que case nunca.
tampouco berro.

penso nos heroes das traxedias gregas, que choran de impotencia.
chorar así vale? ou é só unha reacción física ó aburrimento do inevitable?

29.9.13

marcha. segue falando mentres marcha.



Joe Webb

árdelle a cabeza.
dentro da miña boca. nunha aula baleira.

eu observo.

discute. eu non sabía que me agardaba. eu non sabía nada.
a escena é a un tempo estúpida e solemne. como o acto máis curto dunha traxedia grega. un fragmento.

marcha. segue falando mentres marcha.
eu non sei comunicarme máis que coas mans cortadas.
hai algo de mutilación na súa despedida. coma un discurso.

o vento do norte. o norte.
como de súpeto a súa ausencia que non estaba aí antes.
que apareceu. sen eu dicir nada. sentado. 
quedo así. penso se me doe. decido que me doe. pregúntome por que.
calo.

26.9.13

entre clases


Lascaux


A escena ten un carácter erótico, e iso é evidente, claramente recalcado, pero resulta inexplicable.
Georges Bataille

leo sobre o erotismo e a morte. leo que somos humanos porque coñecemos a morte.
que somos humanos porque coñecemos. porque desexamos.

leo que non somos animais.


.

vou a clase de gramática. falamos do sexo da palabra. teño unha mensaxe de C. contesto rápido.

tamén falo con A. máis ben pola noite. de nada en particular. horas. A non pensa que eu falte a clase. 


.

antes, esta mañá, os árabes e a literatura. imaxino un berro agudo e xigantesco. un exército. imaxino a morte cantada en árabe e despois a literatura europea, a escuridade. 
imaxino a C na escuridade.
os meus dedos no sexo da palabra. na gorxa do morto. desexando unha palabra. unha mensaxe.
entre clases.


.

leo que non somos animais. que vivimos nunha cova. 
son un home coa cabeza dun paxaro. sen ás. escribo mensaxes que non podo enviar. na parede.

11.9.13

esta luz



1.

de novo esta luz. a altura dos teitos. a brancura.

o desaugadoiro da ducha está atascado. saen bechos da madeira. teño medo dos bechos se estou na cama. teño medo da miña man e do dano que pode facer. que sabe facer.

non temos comida así que comemos xente nova. comemos o que hai fóra. o que é fóra. comemos.

miramos as estrelas e preguntamos.

2.

quedo con P e falamos de min. sempre rematamos por falar de min. falamos da miña relación cos estudantes de medicina. deconstruímola. todo pasa rápido. 

sentamos na praza da quintana. e o sol.

vemos pasar xente nova. dígolle que prometo deixalo. falamos dun muro. o muro non está alí, está aquí. o muro pasea, sobe pola rúa do franco.

3.

amósolle a cidade á amiga xaponesa de O. repetímoslle constantemente: catholic e stone.
despois ceamos. e o vento. ceamos e hai que explicar soberanía e orquesta e queixo de tetilla e do país.

despídome de O e da xaponesa. ela mira como nos abrazamos e eu quedo só aquí, tan catholic e stone. nesta luz. tan triste.


7.9.13

cicatriz


(...)

Fágolle o amor a Peter Pan. Que é un xeito de dicir a morte. 
Non hai un antes nin un despois. Só corpos que non saben medrar. Corpos aleitados con auga salgada.

Hai un momento no que deixamos de medrar. Eu fixen unha cicatriz no brazo dereito ese verán. A cicatriz estírase, cambia de cor, desaparece, regresa. Teño unha cicatriz que é Peter Pan. Teño unha cicatriz coma o sexo pechado dunha muller, a boca tenra dun neno.

(...)