As súas profundidades e
os seus baixíos, os seus cambios vertixinosos.
Por suposto, non se
permitiu que seguiran sendo simplemente iso: profundidades e baixíos e cambios
vertixinosos.
Por suposto, remataron
poñéndolles nomes, un “diagnóstico”. […] Poño a palabra “diagnóstico” entre
comiñas porque aínda non vin nin un só caso no que o “diagnóstico” leve a unha
“cura”, nin de feito a ningún outro resultado que non sexa unha debilidade
confirmada e un tanto imposta.
Joan Didion
Se me preguntan como estou digo que estou ben.
Pero logo detéñome a pensalo e o certo é que odio os
médicos.
Así que xa non estou tan ben.
A fomentar este odio axudaron na miña biografía máis recente:
as diversas visitas a consultas nas que acompañei a miña nai ó longo deste ano,
a lectura das Blue nights de Joan
Didion, varias outras noites, unha manifestación, un poema, os cinco tomos da
autobiografía de Thomas Bernhard e unha estrafalaria teoría sobre a beleza, a
selección natural e as carreiras universitarias.
Porque ser médico non deixa de ser un estado do corpo, coma
ser filólogo, ou pobre, ou estranxeiro. Pero máis bonito. Sempre lles encontrei
algo de bonito. Se cadra ódioos por imposibles. Seguramente. Por completos. Ou iso
me parece, podo estar equivocado.
Escribo agora isto non porque me guste facer público o meu
odio ós médicos, que en absoluto ten que ver con que sexan máis ou menos
competentes. Que non garda relación con ningún medo infantil, nin tampouco coas salas de espera. É algo máis persoal.
Chamémolo ferida. Chamémolo ferida que non sangra. Ferida sen
hospital.
Escribo isto agora coma se me fose curar de algo. Como se a
literatura curase de algo. Ás veces penso que dicir iso tamén é crerse un pouco
“médico” no sentido da palabra máis metafórico e persoal que se poida imaxinar. No peor dos sentidos.
A min a literatura aínda non me curou de nada. Sinto se afudín algún negocio.
O caso é que odio os médicos e agora pregúntome que quizais
iso tamén sexa estar ben, por que non? O raro sería non doerse de nada.
Pero a min o que me gusta é escribir diagnósticos e pensar
que algún día me reconciliarei co gremio e buscarei outro colectivo sobre o que
escribir.
Poida mesmo que os médicos ós que odio non existan. Que non
odie realmente a ninguén. Unha vez lin que só os rusos odian e aman
verdadeiramente. Pero eu contra os rusos non teño nada.
Poida mesmo que este texto non teña nada que ver cos
médicos. Podería ser algo moito peor. Ou mellor. Podería ser que odio outras
cousas, ou que non odio. Podería ser que me lembro doutras cousas e todo isto sexa unha carta de amor ou de despeito.
Quizais non debería ter escrito iso. Porque o certo é que
estou ben. Estou ben así, coas miñas profundidades e os meus baixíos. Que estou
ben estando enfermo. Que hai días, moitos días, nos que me gusta estar enfermo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario