28.10.11

estracto primeiro dunha conversa a media noite: do soño americano

-         sabes
ultimamente só penso nunha cousa

-         dime

-         que
se non cumpro os meus soños
marcharei a nevada ou a dakota
ou a un estado calquera
dos estados unidos de américa
onde neve moito
mesmo alaska serviría
e abrirei unha cafetería
onde pasar frío
e ler
e ler
e ler
e polas mañás
cantar
xusto antes de abrir
cando aínda sexa noite
e o local estea baleiro
e as cadeiras repousen sobre as mesas

porque haberá pouco sol

e terei un can
ben
máis de un
polo menos tres
porque terán que ir morrendo
aínda que non teñan nome
e colocarei pedras enormes no xardín
para recordalos sempre
e que se me derrame o café entre os dedos
se me tremen as mans

(…)

sabes
ás veces penso
que só é que hai moito tempo que non escribo
outras
dígome que é real
todo depende do día

porque haberá pouco sol

e pasarei as páxinas con dificultade
cos guantes aínda postos
mentres acariño no peto
o botón aquel que me caera do abrigo
a noite que decidimos marchar lonxe
algún día

-         chegouche o de “serás feliz”?
é que se me foi a conexión

-         non
non chegou

28.9.11

21.9.11

sobre unha foto na casa dos avós

... y el retrato
de la muchacha con ojos
iluminados por una sonrisa.
Todo el invierno sola y escuchando el mar.

Joan Margarit

Non podo evitalo
está na miña natureza ese baleiro
aberto como as casas de mar.
As casas familiares preto do mar
onde cometer incesto.
Onde cometer.

É como unha anorexia imperturbable.
Saír nas fotos coa boca aberta.
Tragar o flash.
Escoitar ano tras ano
o mar no oco.

Chámalle verán.
Chámalle flash.

Quero vomitar.

12.9.11

curtocircuito



1.

Traguei as luces do nadal pasado.

A miña traquea
renega.

Só quería que soubeses
que se queimo o coche
non será por ti.


2.

Regálame algo que arda.
Para cando volvas
quero

algo que arda.


3.

A fin de contas dentro de min
é sempre
nadal.

E a postura
incómoda.

Regálame un sofá
para adornalo con luces.

Regálame un
curtocircuíto.






10.9.11

deixádeme morrer

deixádeme morrer.
eu non temo o océano. durmo
a carón da lavadora.

os mosquitos fan o amor na miña orella.

deixádeme morrer.

9.9.11

rollergirl



1.

cada mañá
a rapaza loura cruza a rúa
en patíns.

os calcetíns sobresáenlle.
sorrí.


2.

antes do outono
mamá
despega todas a fotos do álbum
nas que saía ela.

e non di nada.

a moza xa non cruza.



3.

a muller loura dos patíns
é cocainómana.

liña branca
segmentada.

eu non sei pelar unha mazá.

ela xa non cruza.


4.

mamá saca fotos
das hemorraxias.

8.9.11

mrs. dalloway, a musa

A musa.
A musa vestía saia alta. Tacóns
de agulla
para posibles traqueotomías.
Viaxaba cun libro baixo o brazo, poida
que o Mrs. Dalloway de Virginia. Tampouco estou seguro.
O caso é que despois diso sempre lle chamaría Mrs. E cóntocho
aínda que non che importe, aínda que non o queiras saber
e me obvies en silencios estratéxicos. Cóntocho
porque lle chamaba Mrs. incluso mentres a asfixiaba con dozura
e pensaba como diseccionar o seu corpo
en palabras adecuadas á catástrofe. Aínda que non che importe.
Esa noite durmín ó lado do seu cadáver. Soñei contigo. Desvelado
lin Mrs. Dalloway.