11.6.12

i have no ambitions ou plans pouco poéticos de verán



non teño ambicións
non quero matar o presidente
non quero ir a harvard
non quero gañar o premio pulitzer
só quero sentar na bañeira
e pensar nas relacións que nunca terei
con xente que nunca coñecerei
e despois deitarme na cama
cunha lupa
e contar todas as costuras nas miñas sabas
ata quedar durmida
e espertar
para volver empezar.

Ellen Kennedy.


                  [a traducción do inglés é miña, de aí os erros]

a miña entraña


A miña entraña 
é
como as piscinas baleiras en outono.

Azul.

Perigosa.

A miña entraña afoga
ó final do salto.

As nenas camiñan sen medo
cara o centro.

5.2.12

exterminación




What killed the dinosaurs?, preguntas mientras clavas en mi pupila tu pupila azul. ¿O quién? ¿Tú misma, un meteoro, una erupción volcánica? ¿Murieron uno a uno apuñalados o fueron víctimas tempranas de una súbita y calculada exterminación?

J.A. Valente

4.2.12

(coreana)

Esta tarde quixen ver unha película coreana. Reflexiva, seguro, pensei. Despois de vela diría: sabes, o outro día vin unha peli coreana. E quizais esa frase fose máxica pronunciada nos meus beizos. Quizais a persoa coa que converso na terraza dunha cafetería do centro, teña de súpeto unha imaxe nova de min. Distinta. Non sei, coma se fose quen de captar nesa frase unha profundidade ata o de entón oculta nalgures debaixo da miña pel, uns centímetros por detrás das costelas. Coma se a palabra “coreana” descubrise algo magnífico e novidoso ou levase implícito un transo místico a todas luces imperceptible pero efectivo.

De todos modos, iso é po. Non fun quen de ver a película. Saía unha rapaza afogada. Non cheguei a penas á media hora. Tamén había unha muller anciá que desprendía serenidade e un aquel de dignidade asiática. Coma a velliña que senta ó fondo detrás do mostrador dos chinos do casco vello. Era unha muller elegante, guapa. Pregúntome se sería unha vella gloria do cine coreano. Agora faría cine experimental de baixo presuposto. Non lle quedaría outro remedio. Sería unha gran actriz, mesmo unha actriz recoñecida, pero nunca máis lle pedirían que ensinase un peito na pantalla. Ou quizais si, vaite ti a saber, ó fin e ó cabo trátase de cine experimental. O caso é que me dá medo a vellez. E non só a miña, a dos demais tamén.

No medio da película, cando xa facía máis de media hora que eu sabía que a muller padecería alzheimer, non o soportei máis e apaguei o DVD. Mareeime moito. Tiña medo. Despois busquei en internet o argumento da película. Efectivamente a protagonista tiña alzheimer. Eu estaba mareado. Non quedaba nada bo dentro da palabra coreano. Tardei case dez minutos en pelar unha mazá.

12.1.12

national gallery (londres): 23 de marzo

Unha muller entra na sala. Fita os xirasoles. A decadencia expresionista éntralle polos ollos. Abstráese na pincelada grosa, na mestura de cores. Maréase ata a náusea e enchoupase ben nesa decadencia ata levala polos ósos. Imaxínase de súpeto talo vencido ó borde do xerro ou pétalo esvaecido na caída. Refaise nese amarelo de manteiga que a cobre por completo e pensa, triste: debería comprar pan, que farei para cear?

            (e o que é mais importante: comería Van Gogh os xirasoles despois de pintalos? Ou nunca houbo tales?)

            (e que ben habían quedar no moble do recibidor, non si?)

            (e que ben habían quedar)

             Hoxe ceamos nunha sala de museo. Un cadáver adornaba a mesa. Non mintas, a imaxe sempre foi forte, por que non había de contala eu agora con palabras? E despois bailaches descalza, lembras, bailaches descalza. E quizais compraches pan e pasaches do expresionismo holandés. Mentiría se che digo que me importa. Prefiro saber que imos cear ou que fixeches cos zapatos. Ou por que temos un cadáver.

             (e que ben queda)

            Unha muller entra na sala. Non saudamos, seguimos comendo. Que comemos? A pequena coa boca aberta. Ti con ela pecha. Eu xa fai tempo que non como para acariciarlle as pálpebras ó noso cadáver,

-       Agora é noso? – preguntas.

             Eu non respondo. A mais pequena mastiga coa boca aberta.

-       Morreu a arte – proclama.
-       Non – minto, respondo e tomo o pulso do noso convidado.

            A muller fita os xirasoles. Xira ela. Míranos e pensa: debería comprar pan? Toma unha foto e marcha. Dous días despois póñennos un plaquiña branca. A xente achégase coas cámaras e nós chamamos polo nome ó cadáver.

             Vivimos nunha sala de museo.

-       Somos arte – di a máis pequena.
-       Si – (non sei se minto) respondo.
-       Morremos.

O cadáver, agora Manolo,  míranos e pensa: debería comprar pan?

15.12.11

escena extraída da película centroeuropea que nunca escribirei

(frío)

- por favor, que alguén deixe de ser eu.
  que alguén deixe de ser eu e me devolva unha cadeira nesta mesa.
  necesito respirar.

- un cigarro?

- non, só quero sopa.

- está fría.

- dá igual, só quero sentar.

- un cigarro.

13.12.11

poemas da casa arrendada

un

o meu corazón de coello
suplica desangrarse.

e que o frío
me faga
raíces amarradas ó parquet.




dous

xurei
que agocharía a verdade
nalgún sitio onde non chegue o frío,
amarrada en cinta de embalar
como o nome dun psicópata ecoando nos estantes da cociña.

[estoura o quentador]

hai cousas que non sabes.
cousas que non che conto.
que por iso durmimos debaixo da cama
e sangro tanto
para que poidamos quedar.