20.6.13

unha muller escribe sobre unha mesa baleira



I.

Hai, moi lonxe de aquí,
unha muller que escribe sobre unha mesa baleira.
Os seus pulsos rozan a madeira.
E ese contacto é frío e suave.
Mantena esperta.
Ela é ese contacto.
Está aí.
A mesa é un río.


II.

Hai unha muller que despois de escribir
afoga paxaros.
Repasa cos dedos o seu esqueleto
pulsando nas arestas
e ofrece a carne ó río.


III.

O río leva sangue de paxaro.
Hai unha muller enganchada nas silveiras.
Coa boca aberta.
Con mazás maduras no ventre.
Os peixes pásanlle entre as pernas.
Ese contacto.
Ten terra mollada nas unllas.
Unha novela medrando na cabeza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario