6.6.13

poema de amor máis tirando a estar colgado. a adoración.


Sophie Calle

Falar do amor suporía remitirme a un determinado xeito de silencio.
A un estar en silencio.
Coma un órgano vivo fóra do seu corpo.
Esa evidencia.

Era case xuño e chovía.

Hai unha calor que só desprenden as bibliotecas.
Esa calor que fai que pense en ti
e nos bares.
Tería namorado de ti nun bar?

Había algo de inverno en xuño,
unha prenda mollada atravesándoselle na traquea.
Había algo de inverno nos pulmóns.
A cantidade exacta de neve que se acumulaba sobre os coches.
A xusta para non esmagarnos.

A miúdo penso no esmagamento e en canto se parece ó amor.

Era xuño e case inverno.
Tampouco os teus ollos eran azuis.
Podería meterche os dedos nos ollos e non afundirían.
Un lapis mordido.

Son curiosos os efectos
dun cambio brusco de temperatura.

Podería ir xunto de ti e dicirche
que teño nome de anxo
e traidor.

Claro que ti tampouco me miras.
Deus escóitame.
Ti non.

Nas bibliotecas todo o mundo moumea.
Se moumeases algo sobre min gustaríame sabelo.
Pero Deus só me escoita.
Trátase dun acto de comunicación unidireccional,
algo parecido á fe
ou á literatura.
Como que ti preguntes o meu nome
ou sexa inverno en xuño.
E neve.
E me atropele un coche.

Pero eu quería falar de amor como un tipo de silencio.
Un zunido de abella.
Quería falar do meu nome para cubrir tantas carencias.
Só para que preguntases.
Quería falar do silencio ata convertelo en algo semellante ó amor.


25.5.13

xersei




Paula Bonet.

[nalgún punto desta última semana. na biblioteca de filoloxía. estudando]

O xersei quédache grande.
As costuras das mangas colgan á altura do peito.
A prolongación desa liña
coma un arpón atravesándote.
O colo ancho repousa nas clavículas.
Os teus ombreiros estreitos.
Debe ser quente ese xersei,
de algodón,
como unha prenda deportiva,
espertar un luns pola mañá.
Tes as fazulas vermellas e
os ollos cansos de estudar.
Eu podería durmir nese xersei, penso.
Podería criar estorniños sobre o teu abdome.
Rodar unha película sobre o teu abdome.
Aí dentro. Chove 
na película.
Podería escribir este poema e entón
o teu xersei sería gris 
como o silencio das bibliotecas.
Non me miras.
Eu a ti tampouco.
Só me gusta o xersei.
E o xeito no que acariñas o brazo esquerdo.
Máis nada.
Fronte ó portátil.
De calquera xeito ti nin me miras.
E o xersei podería ser un niño e
esta biblioteca chuvia.
Podería non volver verte nunca,
ó teu xersei.

18.5.13

hábitat/interferencias

case dous anos despois de ser escrito, un ano despois de ser premiado e tras varios meses de pasar traballos, de chamadas telefónicas e cafés que sabían amargo, velaquí o está: "Hábitat/Interferencias" (Premio Francisco Añón de Poesía 2012).


libriño minúsculo de poemas raquíticos, casa de versos do infante, estructura fráxil de po.

tras ser presentado por fin onte na Casa da cultura de Outes, concello que se encargou da súa edición e que organiza dende hai xa dezasete anos o certame que leva o nome do poeta Añón, é para min unha honra enorme presentárvolo aquí a todos vós.

o bonito do libro é ademais que se repartirá de balde nas vindeiras presentacións (Noia, Santiago de Compostela, A Coruña...), das que xa irei dando datas e lugares.

e xa só me queda agradecer: a María do Cebreiro polo prólogo lindísimo, a Santi pola labor de edición e ós que leron estes poemas moito antes e alimentaron os meus versos coas súas impresións. a Carlos (sempre), a David, a Olalla, a Olalla, (ás Olallas), a Ana, a Alba (que aínda non estaba, pero que chegou para quedar), ós meus Ghicholas, a Teresa e a un longo etcétera de xente da que de seguro me esquezo, pero que saberán desculparme. a todos eles e a vós, grazas.





            Os primeiros días do ano
            foron deseñados
            para a morte.

            Como as cuncas máis profundas.

12.5.13

catherine deneuve



pensa en Catherine Deneuve. pensa que pasaría se Catherine Deneuve tivese entrado entón naquel cuarto. a persiana baixada. o aire cargado. como todo cambiaría. pensa nos nosos corpos nus. os dous sentados do mesmo lado da cama. conta cantos pasos daría Catherine Deneuve antes de chegar a nós. e como nos miraría. e como a miraríamos. pensa na vergonza. Catherine Deneuve movéndose como unha pinga de suor que esvara. subindo a persiana. desaparecendo. pensa no que diríamos despois. se diríamos algo.

5.5.13

domingo



Alain Jacquet

Habería que falar primeiro dos días festivos. Da esterilidade dos meus ósos nos días festivos. O baleiro clínico do meu estómago. Paguei toda a noite para que así fose.

Os domingos espertabamos
coa boca seca.

Había tres estranxeiros sacando fotos. Un levaba a camisa aberta. Había un rapaz estranxeiro coa camisa aberta sacando fotos. Vino nun cadro de Delacroix. Bebian cervexa.

Hai que falar de como me ducho pola mañá
e de como bebo auga da ducha.
A postura ritual do meu pescozo.

Entrounos o flash polo nariz. Despois un descoñecido regalounos a chaqueta e iso era ilegal. Polo menos, nesta parte da cidade.

Había un descoñecido coa camisa aberta.
Parecía limpo.

Os domingos espertabamos coa boca seca,
debaixo do sol.
Almorzabamos no parque.

17.4.13

posibilidade



Andrew Wyeth


Alguén abriu a ambos lados da autoestrada
regos polos que corre a auga.

O xeo separa a xente que pasea
do froito sen recoller.

Hai un home nunha árbore
disposto a saltar.

Eu penso que sería unha boa idea
escribir sobre a traxectoria da súa caída.
Sobre a posibilidade non planeada
de que a auga volva correr a ambos lados da estrada
e o home non bata,
só afogue.

E esa posibilidade fai que pense en ti.

E se o home cae e sangra
o seu sangue desxeará a auga.