Hai días dramáticos. Días, nos que te levantas dramático. O corazón nun puño. É así. Esta noite durmín coa ventá aberta. Facía vento, botei por enriba o cobertor. Tamén pode influír que estea a ler os poemas de Ellen Kennedy. Por que non? Botareille a culpa a Ellen. Ultimamente ten a culpa de todo. Di que planea a maneira perfecta de se suicidar. Eu, tamén planeo unha traxedia. Outro tipo de traxedia. Algo amoroso, penso. Cando non estou namorado só penso en estalo. E cando me farto de pensar en estalo, penso que mellor así, que para que, co que doe, e levántome dramático.
O caso é que estaba almorzando e pensei, pobre galo dos corn flakes aí tan só, co promiscuos que son os galos. Pobre galo. E lembreime da galiña do avecrem. Era perfecto. Eran perfectos. Primeiro pensei en escribirlles unha obra de teatro, unha traxicomedia barroca, pero pasei, eu non escribo teatro, nunca o fixen e non vou comezar agora por culpa dun galo. Despois, ocorréronseme os primeiros versos dun poema, pero dende que leo a Ellen Kennedy nada me parece bo dabondo, así que desistín. Puta Ellen coa súa perfección. Finalmente: unha foto, si, unha foto. Pero a cámara non tiña batería e non atopaba o cargador, así que saíu isto. Que se conformen cun post.
Agora só me queda desexar que sexan felices e que coman perdices os moi caníbales.
(Minto: volvinos gardar en estantes diferentes, se eu non estou namorado por que o habían de estar os meus cereais? Que se fodan. E levántome dramático un día máis.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario