4.6.14

o sacrificio, a fotografía, a luz do sol.


Sasha Drustskoy


Ás veces tento lembrar o corpo que tiña entón, porque nel fíxanse as impresións, el lanza ó mundo as súas emocións. Pero non se me aparece nada. Creo que nin unha soa vez pensei en agradar, mireime nun espello, pensei se era guapa ou non. A miña mente estaba demasiado ocupada fóra de alí. En que? Onde? Sería incapaz de dicilo con exactitude, aínda me que parece que en grande medida gardaba relación coa linguaxe.
Anne Serre.


Pero minto e o meu corpo precisa paxaros e anacos de vidro. E plumas. O meu corpo precisa o sacrificio, a fotografía, a luz do sol.

O ollo é imposible. A linguaxe é imposible.
Os días atravesan. Duran. Fanse paisaxe. 


O corpo non ten solución.

31.5.14

as ondas





Pity us, pity the ocean, here we go.
Anne Carson


Merco un libro azul. Merco un libro azul de Virginia Woolf para que o teñamos xuntos. Penso que o mar é unha peza de madeira. 

Os pais. A distancia. A concesión.

Como encaixará o mar en todo isto?

26.5.14

tres poemas de Philip Larkin


Uta Barth



XIX A IRMÁ FEA

Subirei trinta chanzos ata o meu cuarto,
deitarei na cama;
deixarei que a música, o violín, a corneta e o tambor
marchen dende a miña cabeza.

Xa que non fun embruxada na adolescencia
e levada ó amor,
mirarei as árbores e o seu silencio amable
ós ventos que se moven.

XXV

Amence de novo
en cada rúa,
e somos estraños outra vez.
Para cando nos atopemos
como poderei dicirche  que
a pasada noite apareciches
sen querer nun soño?
E como esquecer
que desgastamos o noso amor de boa gana
falando ós golpes
coma amigos, como os que deixarán
que a paixón morra nos seus corazóns.
Agora, observando o vermello do leste estenderse,
pregúntome como puido o amor instalarse xa
nos soños, cando non nos vimos aínda
máis veces das que podo contar cunha man.


XXVI

Como a máis pesada das flores, a cabeza
colga para sempre da cama intacta;
unhas mans gobernadas polo corazón
serán finalmente acollidas por mans máis escuras,
cada sentido exultante
desatado ó silencio –
o sol marchando á deriva.

E todos os recordos que mellor
conducen a esta tempada de desasosego
deitarán sobre a terra
que lles deu vida.
Como mazás caídas, perderán
a súa dozura na ferida,
e  podrecerán.



de O barco do norte (1945)



14.5.14

memoria dun cuarto




Alba Yruela


la pieza oscura como el claro de un bosque. Enrique Lihn.


*

Entramos no cuarto como quen fere os bordes.
Ós dezanove anos eu só tiña ganas de incendiar herba, era algo non diagnosticado. Por que estabas tan triste?
Prometín un fulgor que proxectaría formas nas paredes. Prometín un par de mans.
Entramos no cuarto antes da música e da luz.
Puiden romper calquera das miñas promesas.
Ferimos algo que non estaba alí.

*

Hai coches sucedendo fóra. Nunca a chuvia.
Medimos o tempo polo cabelo branco das tolas. As mulleres dementes só teñen dereito á súa vellez sen un espello. Así nós.
Relegamos o poder da palabra, desgastámola en cuspe.
Quero ser unha muller morta coa cabeza chea de formas.
Instruírme no silencio.

*

Poñemos música.
Hai algo que baila e non somos nós. Fóra as campás. Hai algo que se dilata e treme.
Vou debuxar no aire a posibilidade do teu rostro. Ás escuras. Como se a guerra. Como se a promesa falsa.
A posibilidade do teu bico.
Vou debuxar no aire ata que se faga branco ou estoupe.

*

Agárrame pola caluga. Despois caer.

*

Entra no cuarto unha parella de perdices.
Abre a boca, abre máis a boca. Pero eu teño medo de que se nos metan dentro e nos coman o fígado. Teño medo da marca de sangue seco na punta dos seus peteiros. Senta. Abre a boca.
As plumas ráscanme na gorxa mentres trago.
Trago dúas perdices. Teño dentro dúas perdices.

*

Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto. Non, os meus ósos e o meu cerebro non queren tomar máis disto.

*

Preguntas: Que queres como proba do meu amor?
Respondo: Quero un cadáver louro entre as ortigas esmagadas.

Quero os cortes nas túas pernas. As marcas que che deixan nas mans os animais do bosque.
Aprender a diferenza entre o xogo e a ferida.
Comer o teu corazón de mans dun descoñecido.
Esa pobreza e un xesto.
Quero.

*

Os nenos son anteriores ó cuarto e ós amantes. Anteriores ó sangue. A brancura das fotos así nolo confirma. Unha festa de aniversario.
Isto podería ser unha festa de aniversario. Dentro de min a festa ou unha botella de alcol roubada ós maiores.
Nenos que fuman.
Fóra a música e a xente que se ergue.
Trabámonos nas mans coma animais cegos. Houbo un intre de flash.
Cal é o destino das cousas que brillan?
O cuarto escuro. O claro dun bosque. Dentro corren nenos.
Fóra aprendemos a amar.



("memoria dun cuarto" foi premiado no XI Certame Literario Concello de Ames. máis información aquí)

23.4.14

o anxo bo (a propósito dun poema de Alberti)



Angela Dalinger


Dentro do peito ábrese
un cuarto pequeno, a porta pechada,
a sombra dunha humidade.

Enriba da ventá
un farol.

Fóra as palmeiras,
a vista laranxa e negra como de alameda.

Cidades sen mendigos
piden abrigo de súpeto. Trens
sen música, sabor
a metal.
A túa boca que se afunde sobre a fonte.
Un pé na ducha.

As campás das seis da mañá espertan as monxas.

No aire drogas.
Aprendamos a esnifar para ser o mundo,
a man dunha nena,
un xiro.

As campás das seis da mañá estorban a carne.

O que caia do ceo será sempre un milagre.

17.4.14

agora xa non


Mariano Fortuny


Non é o amor o que perturba a vida, senón a incertidume do amor.
Henri Pierre Roché.

Eu tiven medo de amar. Hoxe rematei o libro. A lonxitude da deriva. Os amantes volvendo coller barcos.
Rematei o libro e volvín abrir o teu mapa. Tamén pensei en escribir aquí os poemas da cidade, pero prohibiumo algo. Aínda non sei se a escuridade do avión ou unha promesa que non fixen e que rompo agora: como se non volvésemos falar nunca máis.
Abrín o mapa. Antes pensaba que faltaba a beleza. Que todo se confundiría coa beleza. Agora xa non. Non escribo aquí os poemas da cidade porque son do corpo e non sei que é do corpo, que será do corpo. Non sei os barcos.
Rematei de ler o libro e xa non podo volver escribir un nome. Dixemos que a miña idade era a decadencia. Que o mellor fora recordarme alí ós dezasete anos.
O sombreiro voa ata os pés do home. Así debe ser. A lonxitude da deriva, as liñas das mans. 
Como os irmáns. O comezo e o final.

1.3.14

a boca negra do cabalo negro



A flor do alcol medra na boca negra do cabalo negro. Amarro con cordas os meus pulsos ós seus dentes, non tanto para que me arrastre como para que non poida soltarme.
Agárroo por un ombro e non sei se se decata.
A boca negra do cabalo negro é cara. A boca negra do cabalo negro é fría.
O meu corazón é novo e móvese diante das luces.

*

Hai que abrir as portas lentamente e deixar que vaia entrando a auga ata que se faga co cheiro da casa. Hai que deixar que a auga chegue ós labios e, entón si, recoñecer a humidade. Recoñecer a humidade e seguir mentindo.

*

Dóeme o corazón de durmir.
Dóeme o corazón de estar aquí.
Dóeme o corazón de desenterrar.

*

Descoñezo como dicirche que quedes ou que quero quedar. Descoñezo como dicir a verdade sen que me doian as mans. Teño un corte no índice e non sei onde foi parar o sangue.
É importante que non existan as promesas e deixar entrar a auga ata que non poidas falar. 
Que matarei o meu cabalo só para que non me vexa perder, coa boca aberta.