17.12.13

frédéric


La belle personne.
Christophe Honoré.


Frédéric ama a revolución.
Con todo, o nome é pura casualidade. Derívase dunha semellanza física. Da delgadeza extrema do actor francés. A fotografía da fame nunha esquina do cuarto. De xeonllos.
Frédéric é louro e ama a revolución. Ou cre nela. Claro que se algunha vez existiu algo semellante á fe nomeámola desexo.
A beleza de Frédéric, como a da revolución, reside na súa dificultade.


Vai frío. Fumamos.


(máis, no número 36 da revista Dorna)

10.12.13

dawson que non sabe medrar. notas complicadas a un mal día. #1



Peter Olof Fransson

por exemplo, acendemos cigarros porque o vimos nas películas. e amamos dun xeito similar, compulsivamente.  o acceso ás complicacións do amor é posterior. o que quero dicir é que as complicacións son na maioría dos casos pura invención, ou non. son o que confirman que non nos convertemos nos personaxes das series de televisión, que isto é real. pero o difícil está en establecer o límite.

.

á xeración de meus pais educounos determinado tipo de liberalismo, ben dentro, ou fóra da casa. non penso tanto en maio do 68, pero tamén. á xeración de meus pais pertencen os restaurantes, o contestador automático, Friends e o falso culto a Woody Allen. á miña, as cafeterías de moda, a roupa de segunda man, How I met your mother (ese remake con trazos de novela bizantina) e a fe cega en Woody Allen.

.

deste xeito miña nai querería que a súa filla fose Rory Gilmore ou Phoebe Buffay. ou Ally McBeal unha vez medrase. aínda que seguramente xa Rory Gilmore quixese ser Ally.
o que veño a dicir non é tanto que os nosos pais deitasen en nós as frustracións modernas dunha quenda enteira de guionistas estadounidenses, como que asistimos á consagración deses moldes. a nosa catarse como espectadores é o cigarro, o libro aberto, agardar a carón do teléfono. unha falsidade.

.

Dawson que non sabe medrar.
Dawson non era Peter Pan. era un estudante de CAV cunha moza emocionalmente inestable e un mal corte de pelo.

.

educámonos polo tanto no drama comercial. a culpa non é realmente de ninguén, quen ía pensar que un rapaz de seis ou sete anos querería entender se de feito Ross enganou ou non a Rachel?

.

estamos no lugar equivocado. no plató equivocado.

.

contábame o outro día un amigo que Brodsky escribira para Auden dende o momento en que o coñeceu ata a súa morte. non me estraña. non sei por que pero non me estraña. non sei agora mesmo, nin me vou deter a comprobalo, se era unha cuestión amorosa ou de pura admiración (seguramente o segundo). en calquera caso non imaxino a Brodsky como unha unha alma torturada. non imaxino a Brodsky escoitando a Belle and Sebastian en Venecia mentres Auden se deitaba cun rapaz vienés.

.

en conclusión: ó final deste poema non me atropela ninguén, xa non vivimos nos 90.

e dígovolo cun cigarro na man, dentro dun xersei de saldo, escoitando ós Smiths.

8.12.13

a historia das nosas vidas. tres poemas de Mark Strand.


Pia Bramley


1

Estamos lendo a historia das nosas vidas
que ten lugar nun cuarto.
O cuarto dá a unha rúa.
Non hai ninguén alí,
ningún ruído.
As árbores están cargadas de follas,
os coches aparcados nunca se moven.
Nós seguimos pasando páxinas, agardando algo,
algo como a piedade ou o cambio,
unha liña negra que nos ate
ou nos separe.
Deste xeito, parece
que o libro das nosas vidas estea baleiro.
Os mobles do cuarto nunca cambian de sitio,
e as alfombras escurecen cada vez
que as atravesan as nosas sombras.
É case como se o cuarto fose o mundo.
Sentamos xuntos no sofá,
lendo sobre o sofá.
Dicimos que é ideal.
É ideal.


2

Estamos lendo a historia das nosas vidas,
como se estivésemos nela,
como se a escribísemos.
Isto sucede unha e outra vez.
Nun dos capítulos
recóstome e comezo a escribir sobre o libro.
Escribo que desexo avanzar máis alá do libro,
máis alá da miña vida cara a outra vida.
Pouso o bolígrafo.
O libro di: Pousou o bolígrafo
e xirouse para vela ler
a parte na que ela namora.
O libro é máis preciso do que podemos imaxinar.
Recóstome e mírote ler
sobre o home do outro lado da rúa.
Construíron unha casa aí,
e un día un home saíu dela.
Namoraches del
porque sabías que nunca te visitaría,
que nunca descubriría que estabas agardando.
Noite tras noite dicías
que el era coma min.
Recóstome e miro como envelleces sen min.
A luz do sol cae sobre o teu pelo prateado.
As alfombras, os mobles,
agora parecen case imaxinarios.
Ela seguiu lendo.
Pareceu non considerar especialmente importante
a súa ausencia,
como alguén que nun día perfecto considera
o clima un fracaso
porque non fixo que cambiase de idea.
Péchanseche os ollos.
Tes o impulso de deixar o libro
que describe a miña resistencia:
cómo cando me recosto imaxino
a miña vida sen ti, movéndome
cara a outra vida, outro libro.
Describe a túa dependencia do desexo,
o xeito no que te asustan
as fugaces revelacións da intención.
O libro describe moito máis do que debe.
Quere dividirnos.


5

Se polo menos houbese un momento perfecto no libro;
se puidésemos vivir nese momento,
poderiamos comezar de novo o libro
como se non o escribísemos,
como se non estivésemos nel.
Pero as achegas escuras
a calquera páxina son demasiado numerosas
e as saídas demasiado estreitas.
Lemos durante todo o día.
Cada páxina que pasamos é coma unha candea
movéndose a través da mente.
Cada momento é como unha causa desesperada.
Se polo menos puidésemos parar de ler.
El nunca quixo ler outro libro
e ela seguiu fitando a rúa.
Os coches estaban aínda alí,
cubertos polas sombras profundas das árbores.
As sombras que se debuxaban sobre a casa nova.
Quizais o home que vivía alí,
o home que ela amaba, estivese lendo
a historia doutra vida.
Ela imaxina unha sala núa,
unha cheminea fría, un home sentado
escribindo unha carta a unha muller
que sacrificou a súa vida por amor.
Se houbese un momento perfecto no libro,
sería o derradeiro.
O libro nunca discute as causas do amor.
Afirma que a confusión é un ben necesario.
Nunca explica. Só revela.


[a traducción do inglés é miña, de aí os erros]


3.12.13

decembro

All I know is that you're so nice, you're the nicest thing I've seen. I wish that we could give it a go, see if we could be something.

*

Basically, I wish that you loved me, I wish that you needed me, I wish that you knew when I said two sugars, actually I meant three.

Kate Nash




Francesca Woodman


acéndense os radiadores nos pisos de estudantes.

hai pisos sen radiadores. hai románticos e xente que ten frío. e xente que confía cegamente no sexo.


*


hai case un mes encargara unha edicion barata de Morte en Venecia. agora non sei se mercala. 

decido mercala.

aferrámonos ó desexo. a unha posibilidade que non existe.

a esa posibilidade agora chámoa Thomas Mann.
atopar unha foto túa por azar.


*


a posibilidade tamén podería tomar forma de conversa.
e desaparecer entre o que quero que saibas e o que non.

nada é casualidade.

de calquera xeito sempre conto demasiado. 
é característico dos enfermos describir unha e outra vez os seus síntomas.
unha conversa nunca está de todo compensada.


*

Nada me diste, avaro, / que yo no ganara a pulso. / ¿Hiciste tú verdes los prados? Luisa Castro


*


e brancos? soubéchelos deixar brancos?


*


desexamos contra o frío. 

finxo estudar gramática. finxo ler a Garcilaso. finxo querer quedar na casa. finxo cear. finxo que non se fai noite. finxo que é 15 ou 16 ou 17 de novembro. e sigo lendo. trago. escribo.

desexamos contra o frío.


*

tamén bebemos contra o frío. e despois durmimos xuntos como dormen os nenos.

R e L prohiben o teu nome na cama grande.
M advírteme que o alcol é depresivo.
A sácame a pasear.

así madura a cebada unha vez dentro dos corpos. dun xeito fráxil. o proceso é complexo. implica a demasiada xente.


*

e así converterte no tempo que te espero. algo inmaterial parecido ó frío pero cuxa literatura aínda non existe.

converterte nunha sensación de malestar.
na resaca.
pouco a pouco. lastimando.

o desexo.



25.11.13

bico


Brooks Shane Salzwedel


Sei que xa se falou antes aquí de correr. Do nervio e das ventás. Dos amantes.

Pensei, alí estabamos as árbores e máis nós. Chovían. Precipitábanse. Os amantes.
Quero pensar que as árbores tamén estarán nunha praia en Normandía, o mesmo día de temporal. O avance das tormentas.
Un filtro amarelo. E se temos mala sorte?

Eles pregúntanse:
- Cando remate o nervio, que?

Detrás do amarelo, o azul. Preto do peito. Así os mariñeiros e o arpón. As costuras dun xersei.
Son importantes as cores? Preguntei antes de bicar por saber se había onde afundirse despois de tirarme.

Dáme máis medo a superficie da fotografía que a súa profundidade.

Quero fotos do ceo ese día. As luces da biblioteca municipal. A catedral. Quero fotos dese día
diante de ti. Se me cubrías de amarelo ou era un punto morto no plano. No temporal.

Como afecta o espazo ás bestas?
A inclinación da miña cabeza por primeira vez. Dentro un home cun arpón. Vento entrando polas costuras.

O rapaz pregunta:
- E se non lembro ben o seu rostro, como representalo neste poema?

Pero este poema minte como menten as bocas.

Estou pensando que tamén se falou da caída. Entón o importante é o ceo, a foto. A precipitación da chuvia?

As nosas alturas.

20.11.13

'para'. notas desordenadas a un lector. mentiras. unha carta de amor.

vou volver escribir sen lector. como cando escribía para C despois de que marchara. é dicir, escribo para a ausencia do lector. non é un xeito de nostalxia. escribo para o lector que me sucede, que ben podería ser eu. escribo para alguén que me malinterprete mellor.

*

o problema do método reside, realmente, en que todo canto afirmo aquí, en que toda esa ausencia pasará a ser falsa a medida que o leades. farase silencio. e isto non será un poema.

*

non é tanto o que vaia escribir sobre ti aquí. é máis o que escribo sobre nós noutras partes.

*

e, non obstante, podería pensar:
chamo a A. escríbolle un correo a O. O non contesta. vai máis frío aló arriba. M abrázame en silencio. L prohíbeme faltar a clase.

os feitos non nos salvan das palabras. os feitos non curan.

*

pero isto non é un poema non escrito. isto é a prohibición de escribilo.

*


Dichtung und wahrheit  (fragmento)

L
Este poema que desexaba escribir debería ter expresado exactamente o que quero dicir cando penso a palabra Ámote, pero non podo saber exactamente que quero dicir; debería resultarme manifestamente verdadeiro, pero as palabras non poden verificarse a si mesmas. Así que este poema quedará sen escribir. Iso non importa. 
Chegas mañá; se estivese escribindo unha novela na que ambos fósemos personaxes, sei exactamente como te recibiría na estación: adoración na mirada; na lingua retranca e lascivia.
Pero, quen sabe como te recibirei exactamente? […] 
W.H. Auden.

*

que quero dicir se digo que te amo? (aínda que non sexa certo)

dixeches: eu non vou marchar nunca.
agora tampouco teño claro que iso fose unha declaración de amor.
dixen: podería estar así durante horas.
e iso foi unha promesa de eternidade.

pero tampouco responde á pregunta de para quen escribo. depende diso o significado da palabra ámote?

de calquera xeito eu preguntei por algo moito máis pequeno.

*

‘para’: 8. Indica a persoa á que vai dirixida unha acción ou coa que se establece unha relación.
Diccionario da RAG

*
penso: por que. non hai por que. hai para. non sei para. non hai quen. só para. para non responde. hai que esquecer a para.
hai que deixar de escribir para?


*


Todos os poemas son poemas de amor. Todos os poemas levan unha dedicatoria.
A miña outra irmá

*

porque o paso ben, porque es intelixente, porque es guapo

O: triste estás moi guapo.

*

And now a forest grows between us
Josephine Foster

*

il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire. il faut se taire.

*


os astros

aries: que se decate todo o mundo de que está perdidamente namorado/a. así, alguén poderá devolverlle a razón.
De luns a venres

*

o amante non debe ler nunca o poema. o amante non é o do poema. o bico si. o aplauso.

*

penso: o amor non correspondido en que converte os poemas de amor? ata que punto escribo agora co peito aberto ou minto? ata que punto son ficción, desexo?

penso en Ted Hughes e Sylvia Plath. no seu divorcio. nas Birthday letters de Ted. en ata que punto ti me mentes ou te equivocas. e sigo contestando por ti. para min. desde o silencio.

*

el evento de caer
nunha clase de Gramática española 1


*

dedicar un poema é o xeito máis furioso de botar de menos.


(as imaxes son de Joe Webb)

16.11.13

mirar as horas


Camille Claudel

cruzo a cidade e choro como a xente que ten fame.

miro as horas.

choro como a xente que quere chorar.

coas mans abertas.