11.11.12

medicine.


 
 
Descubrín
que a medicina estuda
a imprecisión nos corpos.

A beleza dun corazón.
O peso dos líquidos.

Coma os raposos.

19.10.12

manifestación aberta do patético do amor.


Theresa P. Lousame


...e dóesme tanto nos pés mollados, no brazo mollado, nas tres veces que crucei hoxe esta cidade. Dóesme tanto. E a miña dor é pública pero non importa. Ti pareces imposible. Hai tantos trens de distancia. Somos coma nenos intercambiando obscenidades de ambos lados do cristal. Somos algo escrito sobre o bafo. Sen folgos. Percorrín a cidade tres veces. Mollado. E quixen que todas as pancartas nos reafirmasen. Que a multitude corroborase que ti tamén me querías. E quizais fallei, pero penso quererte ata que sexa insoportable ou te cubra a neve, ou non sei. Penso amarte nun mar de bandeiras.

16.10.12

frío francés.


 
Enfocado de costas
parezo Julie camiñando dislocada e azul.
Unha traxectoria de cine.
Sabías que as rúas son mentira?
Non aquelas,
senón estas.
E non é o único falso aquí.
Tamén as miñas mans,
que nunca son tan brancas como ti dis.
A túa mirada conspírame fráxil demais.
O francés éntrame pola caluga.
O frío non, o frío vai
de boca
en boca
e chega a nós
xa mollado.

8.10.12

a luz.



A luz non entra en Compostela.
A luz está morta cando chega a Compostela.
A luz está mollada.

Penduraron do teito un cadáver.

7.10.12

a culpa é de Sylvia. das luces. escribo.



 
Sylvia Plath comeza as cartas á súa nai contándolle que está borracha. Que lle escribe borracha. Eu escribo borracho e bailo. E escribo. Escribo sobre o bonitas que son de noite as luces. E corro detrás de ti. E escribo: Sylvia Plath estaba borracha. Houbo moitos homes antes de Ted. Houbo moitos homes. Escribo sobre ti. Se estou borracho escribo sen faltas. Sylvia era perfecta. Eu tamén. Borracho son perfecto. Ti tamén. Non sei como nos trata o día. Os estragos que a luz natural fai sobre nós. De noite somos perfectos. E todas as luces. Só de noite. A culpa é do alcol. A culpa é de Sylvia.

26.9.12

coma mozos americanos



Coma mozos americanos
e sen coche.
A miña vida é unha película.
Un home con pistola que nos merca alcol.
 
Os nosos pantalóns manchados de verde
despois dos dezasete anos
son case unha vergonza.
Que eu non me poida levantar.
 
Borrachos ó borde do lago.

Tropezar co teu corpo todo.

16.7.12

expectativas de viaxe














    • - e que fará vostede esta   
      tarde?
      pois....
      nin idea,
      algo me dixo miña nai de irmos á praia,
      pero non sei se quedou nunha consideración
      ou se imos ir.
      - a verdade é que está un día fantástico.
      - pois si
      e ti?
      - tampouco o sei
      apetecíame acabar o libro de anne carson, estáseme alongando demasiado.
      e tamén escoitar un cd de chet baker que merquei o sábado,
      ousexa
      cousas aburridas.
      pero estou como canso
      e máis ante a expectativa de non parar quieto mañá pola mañá.
      - nah
      non é para tanto
      - se vas en bus é máis.
      sempre.
      - vas soíño?
      - supoño que si
      tampouco me dá medo
      (ou non tanto).
      - nah
      que non cho dea.
      - non mo dá
      é máis ben unha sensación como de fastío.
      se é que realmente sei que significa fastío.